«A nosa obriga é coidar dos nenos ata que chegan ao cole»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

FIRMAS

Foi unha das primeiras coidadoras que comezou a traballar en Deza

22 sep 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Divide o seu tempo entre os nenos e a música. A lalinense María Sixto Nogueira foi unha das primeiras dezás en converterse en acompañante de transporte escolar.

-Leva sete anos de coidadora de nenos, ¿como foi o comezo?

-O comezo como acompañante de transporte escolar, que así nos denominamos, tivo carácter meramente experimental. Lémbrome que comecei a exercer como coidadora só ao longo duns meses, despois de Semana Santa, para ver se funcionaba o proxecto e se era preciso mantelo no tempo. Partidos políticos, sindicatos, pais e anpas viñan demandando a posta en marcha de dito servizo pero a administración púxoo en marcha de maneira experimental para comprobar a súa necesidade. Finalmente se veu que era preciso e se mantivo no tempo. Ao principio só traballei tres meses e foron un pouco caóticos tanto para nós, as acompañantes, coma para os transportistas. Era algo novidoso e ninguén sabía moi ben o mellor xeito de actuar. Foi un traballo de conxunto, de ir aprendendo pouco a pouco.

-¿E como chegou ao posto?

-Por amigos que están vencellados ao mundo do transporte que foron quenes me comentaron da posibilidade de ser coidadora xa que podía compaxinar dito traballo coa miña actividade musical xa que teño os fins de semana libres.

-¿Cal é exactamente a súa función?

-Estamos para vixiar e coidar da seguridade dos cativos dende que suben ao autobús na súa parada correspondente ata que entran no centro de ensino. A nosa obriga é coidalos ata que chegan ao cole. Comprobamos que todos se poñan o cinturón de seguridade e, colocámosllo aos máis cativiños, procuramos que non fagan demasiado ruido á hora de viaxar para non molestar ao condutor do autobús... En moitas ocasións pasas a ser unha segunda mamá; sobre todo cos alumnos de tres aniños que comezan o colexio.

-Seguro que tranquilizou a máis dunha nai...

-Ao principio de curso moitas nais, que mandan os seus fillos por vez primeira no autobús, é certo que están un pouco preocupadas e nós tentamos restarlle a inquedanza que sinten. Por outra banda os máis pequerechos tamén tenden a chorar os primeiros días que van ao cole e claro as mamás quedan un pouco intranquilas. Pero iso só sucede un par de días. Logo os rapaces xa suben contentos, e as nais ao velos ben, tamén se tranquilizan.

-¿Como se logra ese achegamento afectivo cos nenos?

-Eu veño apostando, dende que son acompañante de transporte escolar, por contarlles un conto aos máis cativiños cando choran ou están tristes. Logo tamén tiñamos unha mascota, a rá Rosa, que tivemos que xubilar xa que estaba mordida e gastada despois de tanto manoseo en mans dos rapaces. Así neste curso apostei por novas mascotas: Epi e Blas. Son de trapo e con elas consigues atrapar a atención do neno e gañalo.

maría sixto nogueira acompañante de transporte escolar

«Pasas a ser unha segunda mamá, sobre todo cos alumnos de

tres aniños»