Busca

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro DE BAR EN BAR

FIRMAS

Non busques só a fama, a prata ou o éxito; busca a felicidade, sairás ganando. Non a chuvia ou o limón amargo no medio de setembro, senón o sorriso cómplice e as luvas da lúa pousadas no teu pelo. Non busques a mediocridade, porque acabarás sendo un mediocre. Non busques inimigos fáciles, porque os adversarios aparecen sós e sempre é preciso que estean á túa altura: no fondo, son o teu cóncavo espello. Busca o sol: está nas sonatas de Bach, e nas cancións que ás veces olvidas, e nunha pel cómplice que pronuncia contigo mil poemas de tenrura sobre a area dunha praia, duna de labios partidos. Non busques un corpo que non é o teu, cinco quilos por baixo da túa fisonomía, porque este andazo de vigorexia e esqueletos perfectos e bocas ampliadas e cosmética pura ou impura é unha sutil imposición dos malos tempos: a estulticia ten sempre quen lle escriba. Busca uns ollos que abran os teus: para mirarte por dentro. Busca a alegría, porque acabarás encontrándote con ela. Non busques só o consello dos outros e a súas voces: porque se non te escoitas a ti mesmo, non oirás a ninguén. Non busques a meta, porque se chegas non terás onde ir. Busca o silencio cando o ruído abuse. E o ruído cando o silencio lastime. Non busques mil saídas cando esteas atrapada, atrapado: unha é suficiente. Non busques as causas, encontra as solucións. Non busques a retirada, pero non esquezas que retirarse a tempo é vencer. Non sintas vergonza por chorar: as lágrimas son ríos por onde corre a alma (a túa). Busca alento, amigos, amor, esperanza. Non desasosego, gritos, amargura. Busca a felicidade, sairás ganando.