Na Universidade Laboral do incipiente posfranquismo o cadro de persoal incluía a plana maior de todos os partidos da oposición. Entre eles, Fermín Novo, que volve ollar a Sabela Gago ?agora actriz e pedagoga, antes alumna tímida e prometedora? dende o corredor da labiríntica Laboral: «Eran os finais dos 70 e estabamos inventando o mundo, conquistando illas de liberdade; tiñamos a sensación de que estabamos nun momento histórico e que estes rapaciños eran os que ían facer o mundo novo. Foi unha época marabillosa nese sentido».
A frustración de que nin aqueles profesores nin tampouco aqueles alumnos conseguiran cambiar o mundo non lle resta emocións ó reencontro da actriz de Sarabela co seu profesor de matemáticas: «De nena fun ó colexio Belén e cheguei á Laboral dende as Franciscanas, en 1976, para empezar BUP; a Laboral foi unha decisión familiar, talvez porque eu era moi introvertida e porque para pais arriscados era algo moi novidoso».
«O primeiro cambio ?revive? foi ter homes como compañeiros e como profesores. Eu era moi inocentona e Fermín descolocábame moito cos seus comentarios; e foi o primeiro que me falou galego! El personifica o cambio que supuxo para min a chegada á Laboral».
Un cambio experimentado pola alumna Sabela e tamén polo profesor Fermín, que empezara a súa carreira docente só un ano antes. Para a actriz a Laboral foi, antes que nada, apertura e oportunidades: «Faciamos moitas clases no piñeiral, usabamos libros nalgúns exames, tiñamos fotografía, aulas medioambientais, todo tipo de deportes e teatro; aquí empecei a facer teatro».
Nese descubrimento, que co tempo deviría profesión, tivo todo que ver Ánxeles Cuña: «Foi titora miña na Laboral e estiven ano e medio vendo as clases de teatro que ela impartía, pero sentada, porque non me atrevía a subir ó escenario; era un bloqueo absoluto. De repente, nun ensaio dun sábado subín. A partir de aí foi unha das miñas paixóns».
A Sabela Gago, Fermín Novo auguráballe un futuro profesional «talvez no mundo da filoloxía hispánica. Era unha rapaciña modosita pero cun pouquiño de retranca. Lembro que naquel momento as rapazas eran minoría nas aulas e empezabamos coa coeducación así que había que ter máis coidado. Ela e Digna de Dios eran unha illa de madurez e eu tíñaas como referencia na clase, para, vendo as súas reaccións, saber se estaba metendo a pata cos meus comentarios».
Para Sabela, a da Laboral foi unha experiencia única tamén no pedagóxico: «Era unha relación co profesorado impensable para min daquela porque falabamos fóra da aula, as titorías funcionaban de verdade, había asembleas...». E había, sobre todo, profesores e alumnos participando nun proceso educativo senlleiro. «Moita xente alí estabamos nesa liña pedagóxica pero eramos minoría... e seguímolo sendo. Coa Logse parecía que estaba a punto de gañar, pero foi un espellismo», láiase Fermín.
«Era un ensino con paixón, con moita entrega ?retruca Sabela?. Daquela nós non eramos conscientes do movemento pedagóxico e ideolóxico que alí había, pero co tempo si».