«No "Costa Concordia" todo é XXL»

Nacho Mirás Fole

FIRMAS

MARTINA MISER

O obxectivo é endereitar o barco fundido en Giglio despois do verán

02 sep 2013 . Actualizado a las 12:08 h.

Coas súas 114.000 toneladas, o Costa Concordia foi no seu día o barco máis grande construído en Italia. O 13 de xaneiro do ano pasado, o capitán Francesco Schettino chocou contras as rochas da illa de Giglio, escorou e provocou unha traxedia enorme con graves consecuencias: 32 vítimas mortais e case 4.200 evacuados. O mergullador galego Antonio Gómez Rodríguez (Santiago, 1974) vén de participar, co consorcio italoamericano Titan-Micoperi, nos labores para endereitar a nave, unha misión onde os medios humanos e materiais, así como o orzamento, son tamén xigantescos.

-¿Como chegou a traballar no rescate do «Costa Concordia»?

-Chamoume un amigo que estaba alí coa compañía Titan e avisoume de que unha empresa española ía de subcontrata para eles. Presentei certificacións e, aos tres días, avisaron. Non o pensei.

-¿Con que misión foi?

-Non sabía moi ben cal ía ser o meu labor concreto. Alí hai unhas cincocentas persoas traballando, das que 120 son mergulladores e están divididos en dous grandes equipos. Uns están a facer unha especie de firme con formigón e unha plataforma metálica onde apoiará o barco cando se levante. A min metéronme no outro, no equipo da presión, os que están instalando os elementos que farán que o barco vire. Estanlle a colocar uns caixóns e cadeas e cables que cruzan a estrutura por abaixo. Suponse que todo en conxunto, os depósitos cheos de auga e as cadeas e os cables tensando, farán que o barco quede dereito. Calculan que será despois do verán. Non se poden demorar moito, porque alí tamén chega o inverno. Primeiro hai que poñelo dereito e despois soldar máis depósitos no outro lado, baleirar todas esas estruturas de auga e enchelas de aire.

-¿Que é o primeiro que pensou cando chegou a Giglio e viu diante de vostede o barco?

-Non te fas unha idea. Todo no Costa Concordia é XXL, a tele non lle fai xustiza. Debaixo da auga decátaste da súa altura, todo é enorme, xigantesco, desde os elementos cos que traballas ata a propia operación de rescate. Para min foi como comezar de cero, nunca fixera nada semellante.

-¿Que equipo leva?

-Traballamos cun equipo de auga quente, un traxe que leva unha válvula e vai conectado a unha máquina que calcula a diferenza de temperaturas dentro e fóra. Como máximo estamos a chegar a profundidades de 41 metros. Estás abaixo uns corenta minutos e logo toca descompresión na superficie e estar alí o tempo que diga o supervisor. Hai moita xente pendente de ti.

-É un pouco como traballar no espazo...

-O mundo offshore no mergullo parécese moito a iso que dis. Existe incluso o mergullo en saturación: se vas traballar a moita profundidade tratan de evitar as descompresións continuadas e satúrante. Por exemplo: se tes que baixar a 150 metros, métente durante 28 días nun hábitat a esa profundidade.

-¿E a familia que di?

-Xa desistiron. É unha profesión que engancha.

-¿Non sente soidade?

-Iso mudou. Hoxe estás conectado, non estás só. Pero se non traballas en parella abaixo, sobre todo nas augas máis escuras, como as galegas, pode dar un pouco de cousa.

-Pagarán ben...

-Xa foron tempos.

nacho.miras@lavoz.es