«Aquí o público é moi pasional»

carlos pereiro PONTEVEDRA / LA VOZ

FIRMAS

A orquestra folk SonDeSeu actuará esta noite na praza de España

14 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

SonDeSeu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus directores. Hoxe actuarán na praza de España. Xaquín Xesteira, o presidente da fundación así coma o coordinador das seccións de gaita e percusión orixinal proposta, fala sobre o espectáculo.

-¿Como vive a experiencia de participar nun proxecto tan orixinal e pioneiro en Galicia como a formación deste conxunto?

-Pois plenamente. A orquestra arranxa cancións da música tradicional dándolles un toque máis contemporáneo. Esta agrupación é un soño feito realidade. Está composta por estudiantes da Escola de música folk e tradicional do concello de Vigo. Ao longo destes doces anos que ten o conxunto, foron pasando diferentes alumnos, facendo que o repertorio evolucionase e crecese.

-¿Como definiría ese repertorio?

-Ten diferentes vertentes. Todo depende de quen faga o arranxo. Cando o fai Romaní a influencia de Milladoiro é palpable, moito máis orquestal. Cando o fai Anxo Pintos a tendencia é mais cara Berrogüeto. Hai variedade.

-Seica o de mañán será un concerto especial, ¿podería adiantar algo?

-Imos ter a colaboración con nós do grupo Fiadeiro en varios temas. Eles actuarán antes ca nós, pero logo botarannos unha man ao longo do noso show. A vistosidade dos seus traxes fará as ledicias do público. Será emocionante tanto enriba como debaixo do escenario. Tamén podo dicir que o repertorio estará baseado no noso último traballo editado, Barlovento.

-O conxunto anunciou hai un tempo que en outono vería a luz o seu próximo disco, ¿seguirá a mesma liña cos anteriores?

-Basicamente si. A maioría dos temas son arranxados por Rodrigo Romaní, tamén por Xosé Liz, un por min... A liña ven sendo a mesma, pero vai cambiando pouco a pouco a forma de facer as harmonías. Exploramos novos camiños e combinacións. Está previsto que saia en outubro.

-Xa visitou a nosa cidade con anterioridade, ¿como recorda a experiencia?

-Aquí o público é moi pasional, moi agradecido. Tocamos na praza da Ferrería e foi unha experiencia inolvidable. Un éxito que esperamos repetir hoxe á noite, na maxestuosa praza de España.

-Proximamente tamén terá un concerto en Castrelos, ¿que supón tocar nos sitios máis importantes das cidades galegas?

-Énchenos dunha maneira inexplicable. É un pracer, unha experiencia, e unha responsabilidade ao mesmo tempo. O Concello de Pontevedra confiou en SonDeSeu para facer un show de calidade e dende logo, non defraudaremos nese cometido.

Xaquín xesteira músico e Presidente da fundación sondeseu