«Eu fago un espectáculo teatral dunha soa persoa»

La Voz

FIRMAS

Cándido Pazó.
Cándido Pazó. JOSE MANUEL CASAL

No texto do «Decamerón» mestúranse historias humorísticas con outras dedicadas ao amor

08 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Cándido Pazó chega hoxe a Cee para representar a súa visión do Decamerón e para lamentar a desaparición da Mostra de Teatro.

-¿Qué pensa de Sergio Pazos?

-Coincidimos en varios espectáculos, no Centro Dramático Galego, alá polo 86. É un home cheo de maxia, moi dotado para os personaxes con vis cómica e cunha grande capacidade para empatizar coa xente na súa faceta de reporteiro.

-El recorda unha invitación a un barco...

-Quedou totalmente prendado. Eu traballaba vixiando un barco moi grande e cando viñeron a Vigo ofrecinlles durmir nel para aforrarse o hotel. Estiveron tres días.

-¿O seu Decamerón tamén é un monólogo?

-O que eu fago é un espectáculo teatral dunha soa persoa é esteticamente máis elaborado porque hai unha posta en escena, vestiario, luces...

-Pero fala da actualidade.

-Os contos foros escritos no século XIV, pero nun deles un dos personaxes dille a outro que roubar na catedral está chupado, o que está moi de actualidade. Tamén fala de banqueiros e da súa avidez para xuntar diñeiro... Falo moito co público, improvisando, e busco temas relacionados con Cee, por exemplo. Aprendo catro cousas do lugar e á xente faille moita ilusión.

-¿Como escolleu os contos?

-Busquei os máis acaídos á fórmula escénica e ao humor, os máis explosivos, porque a xente espera que o Decamerón sexa cómico, e os de temática erótica, que tamén é outra característica moi coñecida. Ademais hai dous máis delicados porque hai que cambiar o sabor. Se sempre vas das mesma corda se satura o público e hai que traballar outro tipo de sentimentos. Ademais busco a conexión co que pasa hoxe en día. O que fai que os contos do Decamerón sexan un clásico é que aínda están de actualidade.

-¿Como lle senta ir a Cee e que non haxa Mostra de Teatro?

-Teño unha relación moi estreita con Talía, e que non haxa Mostra de Teatro é como se chegara a casa de meus pais e me dixeran que secou o pozo. Entendo que a compañía estivera cansa, botaban de menos axuda, en forma de cartos, pero tamén de cariño.

cándido pazó actor