«Vigo ten un problema de modelo común»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

FIRMAS

Oscar Vazquez

Dende a súa empresa, creou eventos internacionais como PortAmérica e VigoTransforma

05 ago 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

«Eu acabei buscando a formación daquelo que era importante para min», di Joaquín Martínez, Kin. Alude a que tiña un obxectivo claro, a xestión cultural, e foi adquirindo os coñecementos necesarios antes de chegar á creación de Esmerarte, unha das empresas punteiras de toda España no ámbito da promoción de grupos, como Vetusta Morla, ou na creación de festivais, como PortAmérica ou, no seu día, VigoTransforma ou Cultura Quente.

«Nacín en Briallos, Concello de Portas», sitúa as súas orixes Kin. «Cando es novo, na casa te din ?xa sei o que che gusta pero antes tes que facer unha carreira, sacar unha praza de funcionario, facer isto e aquilo, e despois, o que che dea a gana? Aínda que case nunca se cumpre, no meu caso si», recoñece. Relacións laborais, prevención de risco e Servizo Galego de Colocación son a parte primeira do consello procedente da casa. «O que che dea a gana» chegou en Caldas de Reis.

«Fíxose un proxecto de dinamización do pobo a través da auga termal e actividades culturais; naceu aí Cultura Quente», explica. Aquel festival, que proxectou por toda España a imaxe de Caldas de Reis, foi o laboratorio onde, aínda dende un aspecto amateur, comezou a cociñarse o futuro empresario en xestión cultural. «Todo comezou a virar cara a unha vía profesional; coñeces xente, creas sinerxías e tamén te preparas, de feito eu fixen catro mastros, o último de xestión cultural», recorda.

Despois chegou Vigo. «Acabas recalando en Vigo por esa aureola que ven do pasado como unha cidade onde ten moita importancia a música, aínda que despois te decates de que vive moito de rendas e hai que traballar moi activamente para manter esas rendas do pasado», confesa Joaquín Martínez, quen tamén ten claro que esa imaxe callou no exterior. «Vigo ten un potencial altísimo, pero é necesario que todos os elementos se poñan de acordo; hai un problema de modelo común, pero o potencial é incrible xa que é unha referencia fóra», di Kin para aportar a súa visión da principal eiva que lle ve a cidade. «Só no ámbito cultural, Vigo ten as mellores empresas de Galicia e dos mellores profesionais de España», engade.

VigoTransforma foi unha vítima máis da aludida falta de unión dos diferentes axentes da cidade. Tamén foi o seu primeiro gran experimento global de promoción dun espazo xa que ao redor da música tratou de implicar a outros sectores, como o turismo, a gastronomía, etc. «É un proxecto inacabado do que só se fixo unha pequena mostra», subliña Joaquín Martínez.

O concepto global de PortAmérica é herdeiro do anterior, aínda que, polo de agora, con mellor percorrido. «Aínda que o facemos en Nigrán, o concepto estase a desenvolver en España e en varios países de América e, tras un ano e un mes, está alcanzando cotas de vinculación importantísimas e nos recoñece moita xente; fomos aproveitando as experiencias pasadas», explica Kin

CIUDADANOS EN SU RINCÓN joaquín martínez, «kin» director de esmerarte industrias creativas