Case 3.000 usuarios quedaron sen electricidade en Monforte

KATIA ARMESTO / C.C MONFORTE / LA VOZ

FIRMAS

A propietaria da tenda cobrando aos clientes durante o apagón eléctrico, a caixa rexistradora non funcionaba.
A propietaria da tenda cobrando aos clientes durante o apagón eléctrico, a caixa rexistradora non funcionaba. alberto lópez< / span>

O corte dun cable nunha obra provocou un corte de luz dunha hora

01 ago 2013 . Actualizado a las 06:00 h.

Unha avería deixou sen electricidade na mañá de onte a case 3.000 usuarios de Monforte -unha quinta parte dos habitantes do casco urbano- durante unha hora, aproximadamente. A avería afectou a varias zonas da cidade.

Un día laborable, ás 12:26 horas, cando tendas e bares se enchen, e cunhas condicións de tempo inmellorables, non se agardaba esta incidencia eléctrica. Todo indica a que a causa da avería foi o despiste dun operario de obra que se atopaba traballando na rúa Doctor Casares para unha empresa allea á Gas Natural Fenosa. Segundo a propia empresa, o traballador perforou cun taladro unha das liñas subterráneas de media tensión da zona, producindo unha avería que derivou a 14 centros de transformación do barrio Morín.

En canto recibiron o aviso de avería, os técnicos da empresa eléctrica desprazáronse ata o lugar do incidente intentando solventar o problema con urxencia para devolver o suministro eléctrico o máis pronto posible.

Os tramo afectado abrangue dende o Morín ata o centro da cidade, onde os veciños e establecementos afectados polo corte, intentaban poñerlle solución.

«Ao non ter luz, nin as neveiras nin os conxeladores funcionan e tampouco podemos cobrarlle aos clientes en caixa. Ademais, xusto nesta hora é cando a maioría da xente merca para o xantar, e o corte de luz fai difícil o traballo», conta Pablo Rodríguez, que ten unha tenda de ultramarinos na rúa do Cardeal. Mentres, a súa muller atende aos clientes cunha calculadora en man para facer as sumas que a caixa eléctrica non pode facer.

Os bares, dos máis afectados

Poucos metros máis adiante, o bar Katanga atópase ateigado de xente que disfruta das terrazas e das tapas propias da hora na que se produciu o corte. Monfortinos e turistas saborean as empanadillas e a escuma da súa caña, alleos á incidencia.

«Como non se solucione pronto, imos ter que pechar. Non podemos facer as tapas, na cociña non temos ventá e se non hai luz para o extractor...Os grifos de cervexa dentro de pouco tirarana quente. Nin vai o lavalouzas, os pratos acumúlanse e hai que atender á xente» , comenta Juan, camareiro do bar.

Este caso representa a moitos dos establecementos hosteleiros que quizais foron os que máis prexudicados se viron a causa deste corte eléctrico.

Amparo Moure, propietaria dunha panadería na rúa Hortas, preocupábase polo estado das máquinas do seu establecemento: «Os ultraconxeladores e neveiras que temos non funcionan pero teñen bastante aguante en situacións coma esta. Do que teño medo é de que algunha máquina se me estropee, porque non é a primeira vez que pasa, e visto que o pasado corte de luz durou dúas horas...», di a propietaria. Onte non puido nin pesar pero a pesar diso non decidiu pechar, xa que non había impedimento para o que buscaban os seus clientes a esa hora: unha ou dúas barras de pan que pagaban en metálico.

Vender lotaría

«Cando se vai a luz, non podo facer nada porque non podo sellar. O único que podo facer é vender lotaría.», declara Rocío Blanco, traballadora dun posto de lotaría no Cardeal que estivo máis dunha hora sen rastro de electricidade.

Outros comerciantes non tiveron esta paciencia e decidiron pechar ata que a electricidade volvese. Foi o caso da perfumería do centro e outras cadeas comerciais.

De 24 a 65 minutos

Segundo os datos aportados pola empresa Gas Natural Fenosa, aos 24 minutos de terse producido o corte, 1.979 afectados recuperaron o suministro eléctrico e uns douscentos máis aos 44 minutos. A espera máis longa sufrírona 620 usuarios que tiveron que agardar 65 minutos ata recuperar a electricidade.

Ás 13:31 horas a avería xa estaba arranxada polos técnicos e o suministro fora reanudado a todos os clientes, independentemente da zona afectada.