A cultura fluvial e marítima rende tributo á escritora galega
26 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Que inchadiña branca vela é o poema de Cantares Gallegos no que Rosalía de Castro fala das embarcacións que navegaban polos ríos Ulla e Sar. Ese poema inspirou onte a trece dornas da Arousa para subir desde a praia fluvial de Vilarello, en Cordeiro (Valga) ata Padrón, como homenaxe da cultura marítima e fluvial galega a escritora, organizada por primeira vez pola fundación que leva o seu nome e pola Asociación Cultural A Dorna de Arousa, en colaboración co Concello de Padrón.
¡Que inchadiña branca vela,/antre os millos corre soa,/misteriosa pura estrela!/Dille o vento en torno dela:/«Palomiña, ¡voa!, ¡voa!/ di o poema. Con esta estrofa de fondo, as dornas arribaron ao Paseo do Espolón pasadas as cinco da tarde, ante a atenta mirada do público, despois de navegar dúas horas «moi rápido, coa marea e o vento a favor», segundo explicou Anxo Angueira. O presidente da Fundación Rosalía de Castro ía na embarcación que leva o nome da escritora e que, desde o pasado 15 de xullo, estivo exposta e aparellada nos xardíns da Casa Museo de A Matanza.
No Sar, case a carón do monumento a Rosalía de Castro que foi inaugurado en 1957 a iniciativa dos padroneses do Uruguai, as dornas izaron velas e os seus mariñeiros baixaron a terra para ofrecerlle a Rosalía os remos, depositar unha coroa de loureiro e cantar o himno galego, xunto cos numerosos padroneses, conveciños e turistas que seguiron o acto, totalmente inédito.
«Viva Rosalía, viva Galicia ceibe», dixo Angueira para rematar a homenaxe, a que a fundación lle quere dar continuidade nos próximos anos a vista «dos moitos apoios recibidos», tanto no punto de partida en Valga, como nas ribeiras do Ulla e na chegada a Padrón.
Deste xeito, a institución padronesa fixo realidade o soño que esbozaba hai un ano, cando Anxo Angueira lembraba no acto do 15 de xullo as palabras que Rosalía pronunciou na casa de A Matanza un día coma ese de hai 128 anos, cando faleceu: «abrídeme as fiestras que quero ve-lo mar». Para iso, a fundación contou coa colaboración da asociación cultural A Dorna de Arousa para «neste ano tan especial abrirlle esas fiestras e traerlle o mar a Rosalía».
Acto inédito
Así, a dorna co seu nome e doce máis volveron onte polo río Sar arriba, nunha imaxe que case ninguén lembra xa, para chegar ao Paseo do Espolón, ao pé da estatua, e traerlle o mar a Rosalía. «Aquí ten o mar; aquí ten as xentes do mar; as embarcacións e aquí ten o himno galego cantado polos homes e mulleres do mar», explicou Anxo Angueira, visiblemente emocionado.
Para o escritor, «a inchadiña branca vela que ela nos retratou continúa viva». E, coas velas izadas, as dornas mandáronlle a Rosalía un saúdo das xentes da cultura marítima e fluvial, «un saúdo inequivocamente leal das xentes da vela e do mar co que ela quixo pechar para sempre os ollos», tal e como dixo no seu día o presidente da fundación rosaliana.
Reportaxe Homenaxe da cultura marítima a «cantares gallegos»