«O Camiño de Santiago é unha metáfora da vida»

cristina m. carou / I.C. SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

BEA OTERO

Apaixonado da Ruta Xacobea e da escrita, o seu novo libro pretende ser un amigo íntimo dos peregrinos

17 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Francisco Javier Castro, Paco, é a proba vivinte de que os estereotipos non sempre son certos. Con tan só 42 anos, é o reitor do Convento de San Francisco, o cal ten un hotel e un albergue anexos. Pero a súa atarefada vida relixiosa tamén lle deixa tempo para escribir libros. O último, Pensamientos para el Camino, presentarase mañá ás 19.30 horas no mesmo convento. É unha obra que reúne reflexións e pensamentos sobre a Ruta Xacobea, que non deixa de ser unha metáfora do propio devir da vida. Desta maneira o título pretende converterse nun compañeiro íntimo, nunha especie de confesor.

-¿De onde xurdiu a inspiración para escribir este libro?

-Xurdiu porque eu son un apaixonado do Camiño de Santiago. En primeiro lugar porque son santiagués, e ademais do barrio de San Pedro que é unha das entradas do Camiño Francés a Compostela. Despois porque xa dende ben novo fixen en varias ocasións o Camiño e persoalmente fíxome moitísimo ben. Finalmente creo que esta peregrinación está producindo un fenómeno pouco habitual: que tantas persoas de tantas culturas diferentes estean a facer algo común, que é camiñar cara a unha meta compartida.

-O título é moi revelador. ¿Escribiu vostede o libro baseándose nas experiencias que viviu nas súas peregrinacións?

-Facer a Ruta Xacobea a min aportoume unha serie de valores humanos fundamentais que a día de hoxe quero seguir vivindo. Precisamente por iso decidín escribir estas reflexións inspiradas nas miñas peregrinacións. Realmente trátase de pensamentos sobre o día a día, porque o Camiño de Santiago é unha especie de metáfora da vida.

-Este libro pretende ser un compañeiro do lector. ¿Cre que se converterá nunha amizade íntima para os peregrinos?

-Efectivamente trata de ser algo así como un amigo no sendeiro da vida. Busca un pouco tamén este ámbito da intimidade e a comunicación persoal, que hoxe, na era da información, está un pouco perdida. Entón o libro ten esa especie de intención de fondo de axudar ao lector a sentirse acompañado no seu día a día. E tamén se trata dunha invitación a crear espazos propios de intimidade, espazos de tranquilidade, de paz, onde poida xerminar o mellor dun mesmo.