A investigadora poderá poñer a andar o seu proxecto farmacéutico Vacsain grazas á beca que recibe como galardón
16 jul 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Con 29 anos, Laura León Rodríguez é a moza galega que se proclamou este ano gañadora do concurso Jóvenes Emprendedores, premio outorgado pola Escuela de Organización Industrial, o Grupo Everis e a Cátedra de Emprendedores EOI - La Caixa. Laura recibirá unha beca Everilion, que lle dará os medios e o soporte técnico para facer realidade o seu proxecto «Vacsain», centrado na investigación e comercialización de fármacos e vacinas antiparasitarias en piscifactorías. A nova emprendedora foi recibida onte polo conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde.
-¿Cales son as principais liñas de investigación do proxecto?
-A liña principal é a da miña tese doutoral: o desenvolvemento dun sistema para administrar fármacos e vacinas tanto en farmacia e tecnoloxía farmacéutica como en parasitoloxía. Foi guiado polos meus directores de tese na USC e levamos cinco anos con el. O proxecto consiste en poder levar ao mercado todo este sistema que nós desenvolvemos.
-No concurso participaron máis de 200 traballos de toda España. ¿Que cre que destacou do seu?
-Todos os meus compañeiros, cos que traballei nun curso que realizamos, tiñan proxectos de moito traballo e mérito. Supoño que simplemente o xurado tivo que valorar cada proxecto independentemente, xa que as temáticas eran infinitamente variadas. Descoñézoo, pero imaxino que as capacidades técnicas, a formación tan específica que requiriu e o tempo que levou realizalo poida ser o que máis chamou a atención do meu.
-A beca que gañou dálle os medios necesarios para levar a cabo o seu proxecto. ¿Están realmente os tempos para emprender, aínda tendo axuda?
-O que teño claro é que se non emprendemos non saímos adiante. Entón creo que a opción para poder traballar, e máis concretamente, traballar do que un sabe e do que a un lle gusta, é precisamente o emprendemento.
-Entendo que o seu plan máis inmediato é materializar este traballo, entón.
-Agora mesmo eu estou traballando de farmacéutica, tanto na investigación como nunha oficina de farmacia. O futuro, esperemos que próximo, é efectivamente materializar o proxecto, aínda que teño tamén outros plans en marcha que van algo máis lentos pero cos que seguirei.