A costureira

EME CARTEA

FIRMAS

29 jun 2013 . Actualizado a las 00:37 h.

Frións, anos cincuenta. Aí está, guapiña, dezaseis anos, medias de la, sentada a unha Sigma do trinque. Unha difícil inversión: 7.000 mil reais, o prezo dun pucho...

Elegantes, riseiras, coa ilusión dos inicios as dúas. Aprendiza de costureira e bordado e, no tempo libre, calceta.

Casa de labradores, cinco irmáns. Había que elixir entre o moreno labrego e a brancura do taller. E naceu a copla: «Fixo moi ben miña nai en poñerme a costureira: cando chove non me mollo, e cando hai sol non me queima».

Traballo a domicilio, a mantidas, ese era o trato e o oficio. Economía complementaria. A riqueza dunha casa medíase polos días de costura. Un mes para un enxoval.

Roupa de novo e de vello, todo valía. Dun traxe usado, dous para os fillos. Fai de todo: roupa interior e exterior, de diario e de festa; repasa, voltea puños e colos...Tempos tristeiros, severos, remendados.

Pero non daba puntada sen fío e a cabeza ocupada: ou coa máquina de coser ou co saco de gran para o muíño; así, á ida e á volta. E inda tiña tempo para soñar co paseo, coa estrea das medias de cristal, cos ollos daquel rapaz que lle puña caraveis acendidos nas meixelas... «Oxalá o domingo veña ao baile...»