«Para min a saudade tamén é unha plenitude incompleta»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

FIRMAS

XOÁN A. SOLER

Estuda o tema con ampla perspectiva cultural e filosófica

05 jun 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

A saudade «como experiencia persoal e psicolóxica, e na poesía, na pintura, na escultura, na música e na filosofía» é o obxecto de estudo de O labirinto da saudade, de Luís García Soto, profesor de Filosofía Moral e ex decano da Facultade de Filosofía. Por este ensaio, que edita Laiovento, foi distinguido co último premio Carvalho Calero do Concello de Ferrol.

-¿Ten unha definición propia do que é a saudade?

-No libro estudo as que hai e ofrezo tamén a miña. O sentido máis común é ?presenza da ausencia», o que supón notar unha ausencia. No sentido que lle dá Teixeira de Pascoaes é como unha mestura de dor e de desexo, a que lle dá sentido positivo, pois prevalece o desexo. Para min a saudade tamén é unha plenitude incompleta: entre ver a botella medio baleira ou medio chea, vexo que está medio chea; e insisto moito nos aspectos éticos, no que ten de relación, de comunicación, de experiencia, porque a saudade supón que notamos de menos unha persoa, un lugar, unha situación. E hai un aspecto activo e solidario.

-¿De que se ocupa neste traballo?

-É un percorrido polo tema en Galicia e Portugal. Procuro coller non só o aspecto filosófico: por máis que sexa un tema importante da filosofía galega e portuguesa, con certeza, aquí o meu interese é máis amplo, cultural en xeral. Por iso hai reflexións sobre algúns cadros e esculturas que se poden relacionar coa saudade, porque o quixeron os seus autores, ou porque a min mo parece así.

-¿Que cadros e esculturas?

-Por exemplo a escultura O desterrado, do portugués Soares dos Reis. E unha serie de pintores portugueses. Da cultura galega saliento o tratamento do tema por Rosalía ou Pondal, como en poemas de Queixumes dos pinos, sobre todo A Campana de Anllóns. Tamén hai a experiencia persoal da vivencia da saudade. O meu punto de partida é a vivencia da morriña.

-¿Que nomes destaca entre os filósofos da saudade?

-Dos galegos, Ramón Piñeiro, Torres Queiruga, Otero Pedrayo ou Carvalho Calero. En Portugal, Teixeira de Pascoaes, António Sérgio ou Carolina Michaëlis de Vasconcelos.

LUÍS G. SOTO PROFESOR DA FACULTADE DE FILOSOFÍA