Aser Álvarez recolle hoxe o Carracedo de periodismo coa promesa de dedicar o galardón a un centro comunitario
03 may 2013 . Actualizado a las 06:00 h.O seu documental 100 % CEF. Unha biografía de Celso Emilio Ferreiro fíxoo merecedor do premio Xosé Aurelio Carracedo de periodismo que anualmente entrega a Deputación ourensá. Aser Álvarez (Celanova, 1976) recollerá hoxe o galardón por un traballo promovido polo colectivo Arraianos, que tamén se beneficiará del, pois a súa dotación económica destinarase a un centro comunitario. «Celso Emilio estaría encantado de ver que o fin vai ser para un proxecto que pretende a integración social e laboral dos máis desfavorecidos», di Álvarez.
-¿Cambiou moito a súa visión da personaxe despois de investigar sobre el?
-Con calquera documental que se faga desde unha perspectiva aberta, que é como hai que facelo, pasas por todo tipo de fases. Eu o que tiña claro é que non quería facer unha biografía laudatoria. Eu quería achegarme a Celso Emilio desde unha perspectiva fresca, contemporánea, que fora divertida. Tratábase de achegar a súa figura ás novas xeracións. Por iso hai moito rap, moito hip hop e moito ritmo.
-¿Sería do agrado de Celso Emilio ver os seus poemas rapeados?
-Eu penso que si. Méndez Ferrín di no documental que Celso Emilio choraría ao escoitalos. El sempre tivo unha querenza pola xente nova e sempre mantivo moita frescura. Por iso, cen anos despois, moitos dos seus poemas parecen escritos hoxe. Ao final, el é un poeta popular. Por iso o que buscaba este documental era aumentar esa gran familia de lectores que ten Celso Emilio pola vixencia do seu discurso.
-O xurado destaca a utilización da narrativa cinematográfica nun traballo xornalístico. ¿É xornalismo ou cine?
-É un traballo xornalístico, sen dúbida, porque é un documental. Pero é un documental rompedor para o que se entende por un documental académico en Galicia. É un traballo arraiano, no sentido de fronteirizo, porque utiliza evidentemente unha narrativa audiovisual. Todos estamos educados na linguaxe audiovisual e tratamos de aproveitar esas técnicas narrativas para facer un produto xornalístico totalmente contemporáneo e, incluso diluír as fronteiras entre o que é o xornalismo e o que é un produto cinematográfico.
aser álvarez premio xosé aurelio carracedo 2013