Como en Europa: na universidade

La Voz DTOR. DA ESAD DE GALICIA

FIRMAS

28 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Aposta en marcha do Espazo Europeo de Educación Superior supuxo que moitos países tivesen que adaptar as titulacións superiores ao novo marco común e darlles unha mesma denominación: grao e posgrao. Con todo, en Europa existe a tradición de que tales titulacións, con independencia do centro en que se impartan, as expida a universidade, como tamén ocorre en España na maioría dos casos.

A razón non é outra que garantir a igualdade de oportunidades, e, sobre todo, a libre circulación de egresados, que, en ocasións, non vían recoñecidos os títulos e debían validalos, o que implicaba volver cursar varias materias co obxecto de obter o mesmo título no país de acollida. España podería ser o único país europeo en non recoñecer para as artísticas superiores esa titulación de grao, que si se ofrece en Alemaña, Inglaterra ou Portugal. Os riscos desa nosa singularidade son evidentes.

Por iso solicitamos a adscrición á universidade. Pero tamén para cumprir as súas normativas, como a de que o profesorado teña carreira investigadora, que incidirá na súa mellora profesional e na calidade da súa docencia. E confiamos en que a Consellería de Cultura e Educación dará os pasos necesarios para que así sexa. A nosa man sempre estivo e segue a estar tendida. O interese que nos move é o servizo público, a súa mellora e a excelencia.