Forxado no remo antes de triunfar no voleibol

La Voz

FIRMAS

26 abr 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Pablo Bugallo naceu na vila mariñeira de Boiro un 20 de novembro de 1991. Non eran tempos de gloria para os deportes maioritarios así que, talvez eran premonitorios para un mozo barbancés que, aínda que flirtearía cun balón entre os pés a unha idade temperá, o seu potencial como grande deportista veríase concentrado anos despois na maxia das súas mans.

Con esa imaxe que todos temos en mente da evolución darwiniana, situamos a Pablo na súa evolución deportiva, mellorando pero deixando unha pegada importante en cada unha das fases e etapas do seu desenvolvemento persoal.

Un tour inicial pero importante na súa carreira foi de maneira individual. Destacou notabelmente en ciclismo onde, aínda resaltando con notariedade, decidiu mudar o asfalto polo mar. O traballo en grupo e o sentimento de equipo forxáronse co Club de Remo de Cabo da Cruz.

E coa ilusión dun neno con zapatos novos acabou un día no pavillón da Cachada, nun primeiro adestramento de voleibol tras as repetidas insistencias de amigos e colegas que levaban tempo detrás del.

A súa calidade persoal é exponencial e, ademais, inherente á calidade deportiva, polo que, de contado, foi unha fichaxe de primeira para a Selección Galega e xa case unha anunciada estrela que no 2006 mudou Galiza por Castela para formar parte da Concentración Permanente de voleibol en Palencia, baixo o liderado de Ricardo Maldonado, quen ademais de adestramento técnico e físico, ensinoulle a valorar outras calidades como a entrega, a san competitividade, o esforzo, a valía, o afán de mellora e superación, ou a formación continua.

Méritos deportivos mais saliantables: terceiro no Mundial escolar (Italia, 2008); quinto no Europeo xuvenil (Holanda 2009); quinto no Mundial xuvenil (Italia 2009); quinto no Europeo júnior (Bielorrusia 2010); sétimo no Mundial júnior (Brasil 2011); primeiro no campionato de España xuvenil de clubs con Almería e mellor xogador do torneo 2010; primeiro na Superliga júnior de clubs con Almería 2010; primeiro no campionato andaluz xuvenil de clubs con Almería 2010; subcampeón sénior da Copa e Supercopa de España con Soria en 2012; terceiro no campionato de liga sénior con Soria 2012. Hoxe forma parte do CMA Numancia de Soria.