Oro Claro amosa o seu traballo na galería santiaguesa Moret Art e Conde expón nas Torres Hejduk, do Gaiás
18 abr 2013 . Actualizado a las 06:00 h.Compostela segue a ser o centro expositivo por excelencia de Galicia, e na capital da comunidade autónoma asinan mostras nos últimos meses algúns dos artistas ourensáns de maior proxección. O pasado ano a Consellería de Cultura organizaba unha mostra de homenaxe a Xaime Quessada e Jaime Quesada Blanco na Casa da Parra, e hai unhas semanas que Nicolás González Aller, lalinese afincado en Ourense, amosaba o seu proxecto O unicornio e o seu mundo na igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.
Actualmente asinan exposicións na capital de Galicia os escultores Xurxo Oro Claro e Ramón Conde. Na galería Moret Art pódese visitar ata o 26 de abril o proxecto artístico creado por Xurxo Oro Claro, unha proposta que incide, entre outros aspectos, na crise e nos recortes que están a xerar grandes problemas para os creadores artísticos -como para a actividade cultural en xeral- e na que se incorporan tamén pezas coñecidas. É o caso dalgunhas das árbores que formaban parte da instalación Bosque 3.050, reutilizadas algunhas para esta nova proposta.
Ramón Conde amosaba o seu traballo no Simeón hai uns meses e avanzaba que estaba ultimando unha proposta artística que xa é unha realidade: levar o seu traballo ás Torres Hejduk, da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela.
No entramado do Gaiás
Neste espazo están as obras do escultor Ramón Conde, nun diálogo de mundos contrapostos e complementarios representados en cada unha das torres.
Emoción y razón, que así se titula a mostra de Conde é o primeiro proxecto expositivo que se pode visitar nas emblemáticas torres que se convertiron nun dos símbolos do Gaiás dende a súa edificación.