Aprendendo a abrir os ollos

MAR GIL OURENSE / LA VOZ

FIRMAS

Santi M. Amil

08 abr 2013 . Actualizado a las 15:48 h.

Da relación académica de Tosar e Ferrín falan repetidamente os libros. Diversas páxinas asinadas polo presidente do Pen Clube e polo ex presidente da RAG removen a memoria dos anos setenta vigueses, cando un galego arxentino chamado Luis González Tosar aterrou no instituto Santa Irene, elite e progresismo no Vigo do 69.

A clase de Repaso daquel curso conserva dous fitos: unha práctica oratoria de Tosar sobre Martín Fierro que o seu entón profesor califica de «memorable» e a detención do mestre en plena clase: «Viñérono buscar e quedamos sen profesor. Aínda que nós non tiñamos unha conciencia clara, sabiamos que era un profesor perseguido, e tamén moi querido e apoiado polos seus compañeiros de claustro, ata polo cura».

Aquela conferencia sobre Martín Fierro deixou claro dende o principio que Luís era «de sobresaliente». Sobresaínte nas aulas e decidido fóra. Como cando buscou un traballo de estibador para gañar o diñeiro que lle garantise praza nunha viaxe mítica a Madrid, organizada por Ferrín, o seu profesor de Lengua española, para a estrea de Luces de bohemia. Aquela actividade extraescolar nos tempos en que non existía nin tal nome marcou a imaxe de Tosar sobre Ferrín: «Era un profesor ideal. Chegaba -case sempre fumando un puro-, facía propostas e, sobre todo, orientábanos a traballar en equipo. O que sei da linguaxe e de Saussure aprendino no bacharelato, non na universidade. Era un profesor ó que podiamos acudir, ó que lle podiamos pedir libros. E iso que Ferrín xa era Ferrín, incluso fóra do instituto; era dunha gran categoría».

O que o alumno Tosar prefería eran a Literatura e a Historia. Aborrecía a Física e Química e fallábanlle as Matemáticas, como a Ferrín. Á literatura como autor Tosar chegou máis tarde: «O certo é que, sen dicirllo a ninguén, clandestinamente, presenteime ó premio Minerva, pero non mo deron, así que calei. Máis adiante, xa en Santiago, dei o salto á escrita».

«Eu non lle coñecía as poesías -admite Ferrín- ata que vin a súa entrada espectacular co Caneiro cheo. Dixen: carallo, estas son palabras maiores! Cando a súa xeración estaba facendo unha poesía neutral, el foi á raíz da lingua, a un galego radical».

«O que eu quería daquela era desfacerme do sotaque porteño e cando viña á aldea escoitaba moito a fala da xente», explica Tosar para xustificar os piropos do mestre.

Para ese profesor de instituto que despois foi tamén Tosar, Ferrín constituíu sempre unha referencia: «Eu tomeino como exemplo; coas actividades, poño por caso, que é o que máis motiva a calquera alumno. Daquela non se lle pasaba pola cabeza facelas a un catedrático coma el».

Talvez porque Ferrín -ó que, como a outros ilustres da literatura galega, a administración nunca lle permitiu dar clases da súa lingua- non era un catedrático coma todos: «Eran clases de moito proveito, que abrían os ollos, sesións de música con cantautores... Todo coa maior naturalidade. Os do meu curso estabamos instalados no progresismo e na antiditadura, sabiamos que eso había que botalo abaixo e que a loita en Galicia tiña que estar orientada ó nacionalismo pero el non falaba de política, non ideoloxizaba nada, nin propaganda nin axitación».

«Tosar -engade Ferrín- non se metía en nada, simplemente abría os ollos, que é o que hai que facer». «Se non fora por el e polo Santa Irene -augura o alumno-, posiblemente eu houbera emigrado». A Panamá, a México ou a Londres, onde estivo un proveitoso ano antes da universidade. «Se non fose por esa experiencia británica, hoxe non mandaría tanto no Pen Clube», ri Ferrín.

luis gonzález tosar e xosé luís méndez ferrín