Cando Antígona lle secretea a súa irmá a decisión de non obedecer unha orde do monarca por ir contra a súa consciencia, honor e tradición familiar, Ismene bota balóns fóra dicíndolle que elas naceron mulleres e non poden loitar contra os homes. Desgraciadamente abundan as ismenes que, para non dar a cara, catalogan ós cidadáns polo sexo. Pero aínda é peor que, dun tempo a esta parte, haxa tantas antígonas que, ante a pasividade xeral, pagan coa súa vida as malas decisións dos que mandan.

No teatro as traxedias provócaas unha mala orde, lei, decreto, pensamento ou arroutada, como na vida real, e cando non é a morte física, con cadaleito, flores e demais, é a morte da persoa como tal, desposuída da súa dignidade. Non sei que será peor. Poucas veces na historia se produciron tantos suicidios, físicos e morais, por mor dunha inxusta disposición coma nos dous últimos anos á conta de tantos desafiuzamentos, ordes de embargo e asaltos a documento armado de letra miúda contra os pequenos aforradores e traballadores, mozos e maiores.

A rebeldía de Antígona acaba cunha das maiores traxedias do mundo clásico, a pesar de que todos os conselleiros advertían ó monarca do mal que o estaba facendo. Pero, Creonte, desde que pisaba a moqueta do pazo real e tiña criados ata para acenderlle o cigarro, sentíase investido dun poder sobrenatural, e acostumouse a gobernar con decretos sen portar pola lei. Para un gobernante así, o causante dos males sempre é alguén de fóra, e malvado todo o que non comparte a súa opinión. Eran malos os seus antecesores e é malo quen non lle dá polo pao. As críticas ó monarca viñéronlle porque a nefasta orde de non enterrar a un finado, ía contra as leis do estado e as crenzas. Era só un caprichoso decreto, e polo tanto oposto á opinión xeral.

Un dos gardas do pazo chega a dicir que non é bo que quen manda ande con pensamentos desmandados. O pobo reúnese en rueiros e quéixase proclamando que o poder non é para ser ultrapasado de ningún xeito. Pero ninguén fai nada e Creonte só lee os periódicos que o adulan, e oe as protestas coma quen oe chover: «Xa escampará». Antígona é a única que se opón, e contradí con feitos a malvada disposición, e por iso cae sobre ela a furia do monarca que decide enterrala viva.

Releo esta obra de Sófocles e non saco da mente ás vítimas de desafiuzamentos, a quen lle dixeron que tiñan dereito a unha vivenda digna e de súpeto encóntranse con que teñen que pagar máis do que asinaron, persoas a quen lle quitaron o traballo, que é un dereito constitucional, o seguro de desemprego e o dereito a unha pensión minimamente decente; persoas que tiñan as aforras da súa vida pensando nun futuro sosegado e encóntranse con que, no mellor dos casos, devolveranlle a metade; persoas que só poden protestar mentres os gobernantes miran para outro lado e os declaran chusma de insatisfeitos. E ó final a desesperación e a impotencia contra o abuso, tantas veces, faille dicir ás antígonas (as vítimas do goberno), que quen vive en males sen conto, ¿como non poderá levar ganancia no feito da morte?.

E a morte, sexa física ou moral, é a conclusión final para quen xa non pode aguantar máis.