Lentos, pero seguros, os caracois poderían converterse, en poucos anos, nos novos espías das axencias centrais de intelixencia. Unha investigación que se está levando a cabo na de Universidade de Clarkson (EE. UU.) conseguiu implantar, na cuncha dun caracol, unha cela de biocombustible. Este dispositivo, capaz de transformar a enerxía química da glicosa metabólica en electricidade, actuaría como unha pila recargable duns 7,45 microwatts, capaz de alimentar, durante varios meses, sensores externos. Desta forma os caracois poderían utilizarse para a recompilación de datos de carácter militar ou ambiental, posteriormente transferidos, para o seu procesado, a centros de control externos.
O desenvolvemento deste tipo de fonte enerxética, biorrecargable, abre infinidade de posibilidades no campo da medicina, como poderían ser sistemas de estimulación cerebral para o tratamento do párkinson ou baterías permanentes nos marcapasos.
Esta investigación, financiada polo Departamento de Defensa de Estados Unidos (Darpa), quere ir aínda máis lonxe e en pouco tempo iniciará os seus ensaios con organismos moito máis grandes, como a lagosta.