«Teresa Alvajar aínda soña que volve á Coruña»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CULLEREDO / LA VOZ

FIRMAS

Mónica Ferreirós

Presenta mañá en Vilaboa as memorias desta republicana coruñesa de 91 anos, filla da cullerdense Amparo López Jean

07 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

Aurora Marco, investigadora e catedrática en Santiago, entre algunha das súas facetas, ten unha sorprendente facilidade para lembrar datas e avatares de Teresa Alvajar. Sobre ela presentará mañá un libro no pazo de Vila Melania, en Vilaboa (20 horas). Publicado en decembro, leva por título Teresa Alvajar López. Memoria dunha republicana.

-Pregunta de resumo: ¿Como describe a Teresa Alvajar López?

-Teresa é unha coruñesa que vive. En Sevilla. Vai agora para 92 anos. É a única supervivente dos Alvajar López, unha familia republicana moi coñecida da Coruña. O pai, César Alvajar, foi político, escritor, traballador no Concello da Coruña e redactor xefe de La Voz de Galicia durante 18 anos, entre outras cousas. A nai, Amparo López Jean, nacida precisamente en Vilaboa, en Culleredo, foi unha muller adiantada ao seu tempo. Moi preparada, a primeira muller bacharel da Coruña, coñecida nos ambientes culturais e políticos, presidenta da Agrupación Republicana da Coruña. Fixo unha labor enorme en defensa da República, da cultura e, por suposto, das mulleres.

-¿Como se xestaron estas memorias de Teresa Alvajar López?

-Dende Sevilla, Teresa escribiu as súas memorias e envioumas. Edítoas con dous eixes: reconstruír a súa etapa de infancia na Coruña, a República, o franquismo... e narrar uns avatares persoais de enorme dureza. Organicei ese material, dividino, subtituleino, traducino. No libro fago unha introdución sobre a familia, logo divido as memorias en catro partes e hai tamén tres anexos: un fotográfico, outro de cartas e documentos, e un terceiro, que é un álbum da nai. A obra vén a completar e engadir partes novas desta familia.

-Entendo que o libro quere cubrir un oco que non tiña Teresa.

-César Alvajar e Amparo López tiveron sete fillos, dos que viviron catro. Queda Teresa, a máis pequena. Todos os irmáns escribiran as súas memorias, menos ela, a menos coñecida e a que peor sorte tivo na familia. A súa foi unha vida de peregrinación. Días antes da sublevación do 36 marchou a Soria coa nai, para reunirse co pai, e logo irían a Valencia, Barcelona, Francia... Botou trinta anos ausente de Galicia, os irmáns nunca se volveron ver xuntos en 40 anos, ata a morte do pai. Teresa sufriu ese desarraigo, a separación da terra, as consecuencias da guerra e do franquismo, cando a muller pasou a ter un papel subalterno, sen dereitos. Estivo tamén un tempo no cárcere.

-¿Como vive hoxe Teresa?

-Apenas oe, a súa mobilidade é reducida. Ela, que veu a Galicia para recibir varios recoñecementos, conta que aínda soña que volve á Coruña, á praza de María Pita e dende alí olla cara a ventá da oficina na que traballou o seu pai. Esperta cansa cando ten eses soños. Tivo dous amores: a República e Galicia.