Os socios acaban de darlle, por catro anos máis, o mando da principal asociación de produtores de ameixa de Carril
05 mar 2013 . Actualizado a las 07:00 h.josé Luis villanueva reelixido presidente dos parquistas
Vinte anos leva José Luis Villanueva á fronte da agrupación de parquistas de Carril. Vinte anos aos que se lle sumarán, aínda, catro máis. Así o decidiron os socios deste colectivo o pasado venres, cando revalidaron a súa confianza na xunta directiva. Os que a integran recoñecen certo cansazo. «Pero o feito de estar canso non significa que non haxa cousas que facer», argumenta o de novo presidente.
-¿Cales son os seus obxectivos para o novo mandato?
-A agrupación dispón dun estudo, que supuxo un desembolso moi importante para nós, pero no que gastamos os cartos con gusto porque nos di onde debemos enfocar os esforzos da agrupación de parquistas para obter un maior rendemento na nosa actividade.
-¿E onde hai que poñer entón o foco?
-Ese estudo, que deixa en moi mal lugar á Administración, recomenda a unión dos distintos axentes que interveñen na produción. E nesa liña imos intentar movernos. Nestes momentos, este negocio xira arredor da hexemonía do sector da depuración, un sector que ten blindado o seu negocio, porque son compradores, depuradores e comercializadores, e que por iso nunca tiveron tanto marxe de beneficio como nesta época de crise. Por iso fai falla unidade. Eles xa están unidos e nós estamos supeditados á súa estratexia.
-Os depuradores, sen embargo, debuxan un panorama ben diferente e aseguran estar padecendo a crise tanto coma os produtores...
-Eles din iso, pero o certo é que non é así. O noso estudo é serio, basado en información contrastada e en datos oficiais. Os depuradores comercializan practicamente todo o que se produce en España e no estranxeiro.
-¿Fala da ameixa que se produce en Portugal, por exemplo?
-En Portugal, en Francia, en Italia, no Reino Unido... Portugal está aquí ao lado e fainos unha competencia brutal, por que estivo a exportar ameixa e berberecho en grandes cantidades. E mentres tanto, temos que oír como os depuradores din que nos acostumemos, que a partir de agora os prezos os marca Portugal.
-A alternativa cal é, ¿a diferenciación?
-É básico e esencial, e ademais é de sentido común. Ese é un obxectivo que nunca debemos perder de vista. Pero o malo é que a Administración, en troques de avanzar por ese camiño, vai xusto polo camiño contrario, en contra de todo o que precisa Carril. O que está claro é que o noso futuro pasa por ter unha trazabilidade, e para iso precisamos que a Administración non nos poña atrancos. Ata agora púxoos, pero é de sabios rectificar. Pero non lle vexo dar ningún paso nesa dirección.
-¿O novo decreto é un atranco?
-Por suposto. O novo decreto está en fase de alegacións por unha banda, e tamén no xulgado. Se estivéramos en época de eleccións, ese asunto estaba solucionado. Eu pregúntome a quen lle beneficia este novo decreto, porque a nós, aos parquistas, non nos soluciona nada. O señor Maneiro [Secretario Xeral de Pesca] dixera que estaba disposto a vir e explicarse, pero o que fixo foi mandar a dúas persoas á delegación de Carril, en teoría para informar á xente. En realidade, como non estaban ao día, o que fixeron foi confundir máis e non aclararon nada... Pero claro, despois de todo, quen estamos tendo os problemas somos os parquistas, que necesitamos ter trazabilidade, e documentación ao día, e non a temos porque Maneiro non quere. Non hai ningún parque ilegal, son todos alegais porque así o quere a Administración. Se non, nun mes, con dúas ou tres reunións da comisión, a revisión estaba rematada.
-Vaiamos ao día a día. Despois das últimas riadas, ¿como se presenta o ano?
-A xente está saneando e sementando, que é o que hai que facer. Como asociación, imos firmar unha liña de créditos brandos, porque nós non nos podemos acoller a un decreto de inactividade tal como fai outra parte do sector. Nós somos autónomos e estamos acostumados a levantarnos tantas veces como faga falta. Pero as cousas están complicadas. Morreu case toda a babosa, tanto a cría como a grande. Así que será un ano de traballar con moita cautela, porque a xapónica quedou bastante afectada e a ver que pasa cos cambios de temperatura. Dende logo, a recuperación vai ser dura.