«En Vilalonga atopei o que buscaba»

P.P. Vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

FIRMAS

26 feb 2013 . Actualizado a las 06:58 h.

Aos seus 35 anos, Jorge Fernández fichou a mediados de xaneiro polo Vilalonga, que buscaba nel a experiencia dun veterán curtido en mil batallas na Segunda B, e o gol que aínda atesoura con 35 anos. O domingo o punta vigués deu proba da fé posta nel cos dous tantos que lle valeron ao Vilalonga o triunfo sobre o Somozas.

-Seis partidos coa camisola do Vilalonga, e catro goles. O club semella ter dado na diana...

-Bueno... Ficháronme confiando en contar comigo para ter gol, e tento respostar con eles.

-Dáse a circunstancia engadida de que os seus catro tantos lle valeron 5 puntos ao Vilalonga...

-Si. É unha pena os dous partidos que empatamos a 1 -co Ordes e coas Pontes-, penso que podían ter sido sendas vitorias.

-Cambio de adestrador, e vitoria asegurada...

-Si. Cumpríuse o dito do fútbol. Antes estaba Jacobo, agora Julián, e nós imos ir a morte co adestrador que estea.

-O domingo deixaron en trece as xornadas sen gañar. ¿Era preciso pois ese revulsivo no banquiño, coa marcha de Jacobo Molina?

-Pois... Sempre é bo un cambio nunha situación así. Jacabo falou connosco, non se vía con forzas para rematar a tempada. E estamos todos xuntos para tentar sacar isto o antes posible adiante.

-Din que a súa integración no vestiario do Novo San Pedro foi vertixinosa. Que na primeira semana xa estaba vostede organizando ceas post adestramentos...

-Si. Despois de levar moitos anos no futbol galego a varios xogadores xa os coñecía. Cando cheguei vin o vestiario algo desanimado. Era un martes. O mércores o equipo xogou o partido aprazado co Pontevedra, e o xoves decidín facer uns pinchos. E sentaron ben. O vestiario recibíume moi ben.

-¿Atopou vostede o que buscaba en Vilalonga?

-Pois si. Totalmente. Atopei bo ambiente. Atopei os minutos do xogo que viña buscando. E a confianza, tanto do adestrador que estaba antes, como o de agora. Comecei marcando goles. Agora agardo poder seguir nesa liña.