Alejandro Lamas, creador de Pandeireta PRO, presenta en O Couto esta aplicación que recrea o instrumento nos dispositivos móbiles
26 ene 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Licenciado en Químicas e apaixonado do Cubo de Rubik (formou parte da selección española desta disciplina), Alejandro Lamas Pérez (Corcubión, 1976) sucumbiu hai xa uns anos aos encantos da informática. Hoxe visitará Ponteceso para presentar Pandeireta PRO, unha aplicación que permite gozar dese instrumento a través do iPhone ou o iPad e que foi pensada para dar a coñecer Taptil, a marca común da súa empresa, Sixtema, e da viguesa Hacce.
-¿Como se lle ocorreu a idea?
-Xa a tiña na cabeza desde hai meses, e pensamos que era perfecta para darnos a coñecer como marca. Eu toco a pandeireta como afeccionado e sei que unha cousa común de todos nós é que aproveitamos calquera momento e calquera superficie plana para practicar. Moitas veces ía co iPad na man dándolle ata que un día caín no evidente, que estaba golpeando un dispositivo que pode recoñecer os golpes e que é capaz de reproducir sons.
-¿Pediron a opinión de músicos?
-Amosámosllo cando aínda estaba en fase experimental a varias persoas pandereteiras, algunha delas de grupos de renome, e encantoulles. Pero é certo que sempre hai que manter as distancias porque nun dispositivo coma este, por pouco que sexa, sempre existe un mínimo retardo entre que o toque e a reprodución do son. É imposible, polo menos co hardware actual, que teña un comportamento exactamente igual a unha pandeireta, pero creo que conseguimos un resultado moi aproximado e moi simpático.
-¿Imaxina a un músico empregándoa en directo?
-Non o descartamos e temos a esperanza de que cos nosos contactos no mundiño folk algún día, aínda que sexa facendo un guiño simpático, o poidan empregar nalgún concerto.
-¿Que tal acollida está a ter?
-Lanzámola a semana antes do Nadal tentando aproveitar o da pandeireta como acompañamento das panxoliñas e tivo unha acollida bárbara. Nós esperabamos que funcionase relativamente ben, pero en menos de 24 horas conseguimos que se puxera no top 10 de descargas da App Store na categoría de música.
-¿Teñen pensados novas aplicacións musicais?
-Sendo moi sinceros, a idea era que isto fose algo puntual, pero xa se sabe que hoxe en día, unha vez que sae algo á Rede moitas veces perdes o control. Inicialmente, a aplicación foi deseñada para dispositivos de Apple, pero xa desde o primeiro día nos reclamaron por todas as vías a versión para Android, e os que teñen un iPad tamén nos pedían que mellorásemos algún comportamento, cambiásemos algún son, deramoslle a posibilidade de cambiar as pelicas...
-¿En que outros proxectos está a traballar?
-Desde Taptil estamos lanzando algunha aplicación máis coma Sendegal, que xa está dispoñible desde finais do ano pasado. Fixémola para Turgalicia e permíteche consultar todos os roteiros de sendeirismo oficiais da comunidade. Vén a ser unha guía para todos os afeccionados porque te di como chegar ao punto de inicio, cal é o percorrido, as dificultades, os puntos de interese... Durante este 2013 esperamos sacar outra aplicación que vai ser moi interesante porque permitirá descubrir, desde un punto de vista moi lúdico, o patrimonio cultural que ten Galicia.