Ana Garrido é catedrática de Historia no IES Blanco Amor. Decantouse pola Xeografía por influenza do seu lembrado profesor Albino Núñez e logo, xa exercendo, cursou Arte. Cando remate «esta etapa na que estou de servizo público dende a política» voltará á docencia «que é outro xeito marabilloso de servizo aos cidadáns».
-¿Mantivo algunha reunión para o «traspaso de poderes»?
-Non fixo falta porque eu estaba na comisión de Cultura. E sei que podo contar con Isabel Pérez, coa que me une unha estreita amizade dende que coincidimos as dúas como profesoras no Ingabad, para o que precise.
-Hai dúas semanas que remataba o OUFF, ¿que vai pasar co festival de cine logo da saída da Deputación do consorcio?
-O escenario mudou radicalmente, coa saída da Deputación do proxecto, e aí estamos para tomar unha decisión. O OUFF vai ter continuidade, xa o dixo o alcalde na gala de clausura, pero hai que ver como e en que condicións. Xa pedín a memoria desta edición, estou pendente de que ma entreguen, e hai que facer números e ver como afrontamos o futuro. Por unha banda está a resolución do conflicto do consorcio, que hai que extinguir ao marchar a Deputación, e por outra ver cales son as perspectivas de futuro. É cedo para dicir que imos facer.
-¿San Francisco conseguirá dinamizar o auditorio?
-O auditorio está onde está e iso, obviamente, forma parte da súa singularidade. Conta cun gran equipo e cunha oferta magnífica e San Francisco está chamado a dinamizar todo o entorno, como é lóxico.