«Os erros e os acertos de Marta e Isabel son os de todo o Bloque»

FIRMAS

Todo apunta a que Xosé Somoza Medina (Ourense, 1969) será o voceiro do BNG, pero el insiste en que esa é unha decisión que ten que tomar o Consello Local dos nacionalistas a semana próxima. El, por agora, di respectar a decisión tomada por Isabel Pérez e Marta Arribas de deixar a corporación.

-¿Ten algo que recriminarlle o BNG a esas dúas concelleiras pola súa xestión no goberno municipal?

-Non, para nada. O 99 % das decisións tomáronse co apoio do Consello Local e incluso co da asemblea de modo que os erros e os acertos que puideran ter Marta e Isabel son os erros de todo o Bloque.

-¿Era vostede dos que pensaban que non era axeitado negociar un novo pacto de goberno co PSOE?

-A asemblea tomou unha decisión e todos temos que apoiala. Ademais, está ben que sexa así porque temos que actuar como un bloque. Antes a discusión seguía na prensa fora cal fora a decisión tomada na asemblea.

-Din as concelleiras que dimitiron que foron uns anos moi duros. ¿Non teme padecer a mesma situación?

-Eu desde logo non teño esa sensación agora mesmo. O que pasa é que despois a realidade é que o traballo político é un traballo ingrato, non correspondido nin ben valorado. Iso creo que explica as sensacións que tiñan Marta e Isabel.

-¿Que tipo de oposición debería facer a partir de agora o Bloque?

-Nós, como dixo a nosa responsable local o martes, imos ver o noso programa como guía para facer oposición. Se son medidas que vaian nesa liña terán o noso apoio. O que nós temos que pretender é construír en positivo desde unha actitude que se vai diferenciar no día a día das outras dúas forzas.

-¿Por que o BNG ten ese interese en impedir a toda costa que goberne o PP, que foi a lista máis votada?

-Esa é unha decisión tomada desde o Consello Nacional do BNG. É unha cuestión que para nós non ten ningunha dúbida. Trátase dunha normativa na que todos cremos.