Els Joglars comparte co público carballés 50 anos de creación

á. palmou CARBALLO / LA VOZ

FIRMAS

O actor e director Ramon Fontserè (direita) e o elenco de Els Joglars, durante a charla co público.
O actor e director Ramon Fontserè (direita) e o elenco de Els Joglars, durante a charla co público. casal< / span>

Antes de pechar o FIOT, a compañía participou nun «Café con»

01 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Coas entradas para asistir á representación de El Nacional esgotadas desde hai semanas pode parecer un paradoxo que o Café con... previo co elenco de Els Joglars non se enchese de espectadores. Pero así foi.

Só uns poucos afeccionados se animaron onte pola tarde a aproveitar a oportunidade de luxo que supón escoitar de boca dos integrantes desta veterana e recoñecida compañía como é o seu proceso de creación, que supón ter xa medio século de historia ás súas costas ou como encaixarán que o seu gran puntal, Albert Boadella, abandone a primeira fila. «El es el que provoca la chispa creativa y el que marca las líneas maestras», recoñecía onte o seu sucesor, o actor Ramon Fontserè, tras indicar que os tempos cambian e que o seu proceso de creación habitual tamén terá que adaptarse. Acabáronse os períodos de seis meses ensaiando e construíndo cada nova obra desde a súa Cúpula do Pruit, o refuxio en plena natureza catalá desde o que levaban xa catro décadas traballando dun xeito que «rozaba la utopía».

«Creación colectiva, pero dirixida» (Jesús Agelet); «Los actores somos los dueños del caos y el director, el dueño del orden dentro del caos» (Xavi Sais); «Hay que volver a los orígenes» (Begoña Alberdi), son algunhas das ideas que foron xurdindo ao longo dun coloquio no que Fontserè revelou que estes son os momentos máis duros, economicamente falando, que ten vivido a compañía.

O novo cabeza visible de Els Joglars defendeu asemade a vixencia da peza coa que visitaron Carballo, centrada no intento dun acomodador de poñer en marcha coa axuda dun grupo de indixentes unha representación nun teatro abocado á desaparición, e sinalou que constitúe un bo resumo da longa traxectoria de Els Joglars e do propio Boadella.

«Hacemos teatro para divertirnos y para que se divierta la gente», engadiu tamén Agelet só dúas horas antes de que fose o público carballés o encargado de comprobar se esa máxima se cumpre ou non.