Os murais de Seoane, na súa casa

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

FIRMAS

A Fundación estrea hoxe unha mostra con fotos e bosquexos

30 oct 2012 . Actualizado a las 12:50 h.

De Bos Aires a Coruña. Primeiro viaxou o autor, volvendo do exilio. Desde hoxe viaxa unha parte esencial da súa obra: os murais. Diante da imposibilidade de traelos fisicamente, desde hoxe, na Fundación Luis Seoane, «cobran vida nesta mostra a través dunha escolla de 62 bosquexos preparatorios, pezas de valor inestimable tanto pola singularidade do seu formato como pola oportunidade que supón poder contemplar as anotacións referentes á cor, as dimensións e o deseño que o artista realizou en moitos deles». Isto apuntan os organizadores da exposición chamada Luis Seoane. Murais, que se pode ver desde hoxe e está comisariada por Silvia Longueira e Carmela Montero. Deste xeito pode verse o proceso de creación de obras como El nacimiento del Teatro Argentino, que está no teatro municipal San Martín, de Bos Aires. Este é «o mural de maiores dimensións de todos os executados por Seoane, e é un magnífico exemplo da posta en práctica da integración entre arte e arquitectura preconizada polo artista galego», explican as comisarias. Forman parte da mostra 75 fotografías de época que amosan ao artista traballando e o resultado final das obras. Ademais, poden verse 44 fotografías que amosan o estado actual dalgúns deses murais de Seoane que hoxe volven á súa casa.