«A perspectiva que nos deixan as eleccións é de loita polo Concello»

Rocío Pita Parada
Rocío Pita Parada FERROL / LA VOZ

FIRMAS

«Hai erros que non podemos volver cometer xamais», admite o novo edil

28 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Á espera de converterse en concelleiro de Esquerda Unida en Ferrol, en sustitución da deputada electa por AGE Yolanda Díaz, o coodinador local da formación, Suso Basterrechea López (Ferrol, 1968), analiza o que lle agarda. É crítico cos erros cometidos, pero confía en que os ecos dos resultados nas autonómicas teñan repercusión nos vindeiros comicios locais.

-Sexa sincero e recoñeza que xa sospeitaba que lle tocaría ser concelleiro...

-O certo é que levo tempo collendo peso na organización. E a persoa que ía diante entendeu isto, que tal vez sexa mellor para a organización que agora mesmo entre eu. A decisión veu dada, dalgunha maneira, e non vou renunciar, porque é verdade que a liña xeral é que eu teña un peso na política local.

-¿Será entón, tamén, voceiro municipal? ¿Gustaríalle?

-Non teño o maior interese. Teño un gran compañeiro con moita máis experiencia, que é Javier Galán, e é unha cuestión que se abordará dentro do grupo municipal. Primeiro teremos que falalo el e máis eu, e despois, confirmalo coa organización.

-¿Que falla nos plenos de Ferrol?

-Para min, o goberno. O PP dixo nun primeiro momento que ía gobernar, pese á maioría absoluta, dacordo co resto das organizacións. O que levo vendo é que aplican esa maioría absoluta e que dificulta moito calquera achega dende a oposición. O PP de Ferrol non ten forza fóra nin capacidade de xestión dentro, e goberna de xeito improvisado.

-¿Que aportará vostede a ese debate plenario?

-En primeiro lugar, responsabilidade. Non penso que sexa o momento para falar de ilusión, senón de responsabilidade. O meu traballo é aportar unha visión nitidamente de esquerdas.

-Aínda que nas últimas municipais os electores non deron o apoio agardado...

-Son defensor da xestión de EU e defendo a política desenvolvida no ano de goberno. Loxicamente, tamén houbo erros, pero a visión global é positiva. Pero se pagou a nosa expulsión do goberno. Pagouno EU e o PSOE. Esperábamos mellores resultados nesas eleccións, pero nas sucesivas foi subindo, e a perspectiva que nos deixan as autonómicas en Ferrol é de loita polo Concello. Non me gusta extrapolar, pero soubemos mobilizar a unha parte da cidadanía.

-¿Que erros non cometería como concelleiro?

-A nosa organización vive sometida a unha chantaxe, que ten moito que ver coas alianzas con outras forzas. Non somos quen por nós mesmos de obter unha maioría absoluta. E niso hai un problema: fágase o que se faga, sempre hai xente descontenta. Se se pacta co PSOE a moitos non lles gusta ese pacto. E se non se pacta, é deixar gobernar ao PP. O que ten que facer EU para non equivocarse é impor unhas liñas políticas moi claras, as nosas, marcar liñas vermellas e non someterse a cuestións que aceptamos, supoño que por falta de madurez política, erros que non poden volverse a cometer xamais.

-¿Refírese á suba de soldos?

-Por exemplo. Evidentemente foi un erro, e así o recoñeceu a organización. Foi unha imposición do que no seu día era o alcalde, e penso que debimos negarnos. Pedimos disculpas e tratamos de rectificar. E nesa rectificación, fomos expulsados.

-A nivel municipal, ¿cales son os maiores problemas de Ferrol?

-O traballo. Tamén a rexeneración da ría, o tren ao porto exterior, loxicamente pola alternativa norte. E que Ferrol precisa dunha actitude clara no tema urbanístico, é unha cidade que parece que vive permanentemente no parche. É esixible un plan xeral claro.