«O 21-0 temos que escoller entre o modelo da dignidade e a codicia»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

FIRMAS

MONICA IRAGO

O aspirante socialista invita ao PP a descubrir «a realidade da rúa»

17 oct 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Pasou o que pasou. Julio Torrado representa a Vilagarcía e ao Salnés na candidatura do PSOE por Pontevedra. E faino dende o posto número 9.

-¿Falamos do número?

-O nove é un número máis. Xa dixen que creo profundamente nos proxectos colectivos e non está o país para andar falando de persoas concretas. Os cidadáns e as súas graves dificultades son o que importan.

-Do que suceda en Pontevedra pode depender o vindeiro Goberno da Xunta. ¿Non é hándicap partir dende tan atrás?

-Non foi miña a decisión de facelo así e non me corresponde a min dar opinión. Insisto, é o momento de falar da xente.

-Ben, pois ¿como ve a xente? ¿Que sensacións percebe?

-Que a xente ten problemas moi graves e precisa solucións. A xente está preocupada polo emprego, cuns índices dramáticos que se duplicaron nos últimos tres anos e 6.500 galegos van ao paro cada día. E dicía Feijoo que ía solucionar o problema nese mesmo prazo...

-O PP presume, pola contra, de cifras que melloran en Galicia a media de España.

-Nesta situación de crise algúns perden o tempo falando de cifras, pero o que a xente ve é que cada vez lle custa máis chegar a fin de mes. Se é que chega. Nós non dicimos que vaia ser doado nin que existan receitas máxicas e inmediatas. Pero si que é posible saír desta situación e facelo dunha maneira xusta, apostando polo emprego, a sanidade, a educación e os servizos sociais. Cando a cousa ía ben, os que puideron beneficiáronse en maior medida. Agora que vai mal, son eses mesmos, os que máis teñen e máis gañaron, quen deben aportar máis.

-Vimos de coñecer que 2.000 rapaces abandonan Galicia cada día. ¿Vese vostede reflectido?

-Vin moitos compañeiros emigrar. Algúns deixaron unha carreira académica prometedora porque unha das primeiras medidas que tomou Feijoo foi adiar becas para doutoramento, que se foron retrasando ata non convocarse en anos. Eu mesmo, efectivamente, se cadra teña que emigrar logo de que este país me pagase unha formación da que me sinto moi agradecido. Afora que son produtivo, tiven que estar dous anos producindo noutro país e pode que teña que marchar ao estranxeiro de novo. É absurdo. Así é como a educación pasa a ser un gasto no canto de ser un investimento.

-As enquisas falan dun PSOE á baixa en Galicia...

-En Andalucía, antes de comezar a campaña, todo o mundo daba as eleccións por perdidas. Hoxe hai un goberno presidido por un socialista.

-¿E a política de coalicións? O BNG di que non pensa reeditar un bipartito nas mesmas condicións que o do 2005.

-Logo do domingo podemos facer toda a aritmética que queiramos. Agora iso só é política ficción. Pero déixeme dicirlle que, aínda cos defectos que se lle poidan achacar ás persoas que o integraron, eu síntome orgulloso daquel goberno de coalición. Se nos últimos tres anos e medio tivese gobernado aquel equipo, moito mellor nos iría.

-¿Que se xoga O Salnés o 21-0?

-En xeral, temos que escoller entre o modelo da dignidade e o da codicia, entre a solidariedade e a avaricia. E moi particularmente unha ampliación do hospital que tanto lle debe de gustar ao PP que nunca a fai para volver prometela; que non nos manden a Pontevedra a un hospital construído por Telmo Martín, a defensa dos produtos da ría máis rica do mundo... Moito.

julio torrado número 9 da candidatura do psdeg-psoe por pontevedra