«Este é un primeiro paso para ver a historia da cidade en feminino»

Fina Ulloa
fina ulloa OURENSE

FIRMAS

Ximena espera que a iniciativa guste aos veciños.
Ximena espera que a iniciativa guste aos veciños. miguel villar< / span>

Esta noite (21 horas), dentro da programación do colectivo EsCuA -Espazo Cultural Aberto- que integra a varias asociacións e colectivos ourensans-, a Marcha Mundial das Mulleres convida a un roteiro polo casco vello no que os participantes poderán descubrir historias de veciñas de Ourense que destacaron na sociedade que lles tocou vivir e na intrahistoria da cidade. Ximena González foi unha das encargadas do deseño desta cita.

-¿Como se lles ocorreu diseñar un roteiro de Ourense en feminino?

-Dentro da filosofía que sempre mantemos nestas actividades, que é imprimir a perspectiva das mulleres as actividades culturais, ademais de repetir as sesións de contacontos que fixemos xa o ano pasado, pensamos que sería interesante empezar a recuperar a memoria das mulleres da cidade. Este é un primeiro paso para ver a historia da cidade en feminino, recuperando historias de mulleres e espazos de mulleres.

-¿Foi sinxelo atopar esas historias de mulleres ourensáns?

-Foi moi complicado o labor de documentación, porque é moi difícil atopar os datos desa historia das mulleres da nosa cidade, porque somos unha parte silenciada da historia tamén en Ourense.

-¿Cantos puntos se van a tocar?

-Imos facer un recorrido que será de once paradas, que iniciamos nas Burgas e rematamos na confluencia entre as prazas de Seco e Arce e Manuel Sueiro. Dura en torno a unha hora, con paradas curtiñas nas que leremos algo do caso que queremos lembrar e nalgunha tamén haberá soporte sonoro. Non quixemos facelo moi longo. O que intentamos é que sexa un percorrido agradable.

-¿Este traballo ten ánimo de continuidade?

-Una das reivindicacións a nivel rúa da Marcha Mundial das Mulleres é precisamente que se coñeza e se recoñeza ese papel das mulleres, que habitualmente queda oculto. Con este traballo aprendemos moito e descubrimos cousas moi interesantes, como que Ourense foi a primeira provincia que levantou unha estatua co nome de muller, a de Concepción Arenal, aínda que despois foi retirada do seu emprazamento inicial na Alameda.

-¿Quedan moitas mulleres que redescubrir en Ourense?

-Moitísimas, tanto de mulleres que destacaron por pioneiras no seu sector ou por superar na súa profesión a os homes da súa época, como de mulleres sinxelas, que sen destacar socialmente foron na súa vida cotiá adiantadas o seu tempo.