«A vida en chanclas é a chave para un verán de vida regalada»

Serxio González Souto
Serxio González VILAGARCÍA / LA VOZ

FIRMAS

MARTINA MISER

Aló, ao lonxe, vén un tipo en bicicleta. Camisola, pantalón curto, chanclas, cun aquel pedalear despreocupado de quen anda sen présa, alleo á presión de ter que chegar a algures. Nada que ver con Guille, o irmanciño de Mafalda que nunha daquelas tiras de Quino percorría a súa casa a fume de carozo. «¿Onde vas, Guille?», interpélao a súa nai. Resposta posmoderna a tope: «Non o sei, pero non hai tempo que perder». O noso home frea o vehículo e baixa devagar cun saúdo demorado. Estamos no Naval, na Arousa, e aquí, neste recuncho feito de mar e terra, o tempo perdido é tempo gañado para Carlos Blanco.

«Este está a ser un verán raro, nin me lembraba xa dun verán no que non tivese unha rodaxe», confesa o ¿actor?, ¿monologuista?, ¿feirante? «Ti podes ser especialista en mecánica e saber de motores; eu sei de actuar, e creo que a denominación de cómico englóbao todo; son cómico, sei de facer a mona». Ben, non hai rodaxe, pero iso non quere dicir que falte o traballo. «Non, para nada, de feito vimos de meter 3.600 persoas en poucos días, de pago ademais, algo que non é nada doado». Ben en solitario -calquera destes días gravará Carlos un dos seus espectáculos, no Teatro Colón de A Coruña, por exemplo, no que acaba de congregar mil e pico espectadores, para editalo en DVD- ben coa montaxe iLalelo, que comparte con Budiño e protagonizou, xa, unha das veladas de entre lusco e fusco en Martín Códax.

Esta dinámica estraña permítelle ao cómico arousán unhas vacacións insólitas no seu oficio: «Este ano vén así i é xenial porque un mes aquí [na Illa] é a gloria». Unha vida, a que leva Carlos na Arousa durante estes días, ben sinxela. «Almorzo, doume un baño, leo a prensa, vou xantar... E quen queira máis aventura, que vaia ao Amazonas».

Hai dous elementos que resultan claves para conseguir este acougo nirvaniano: «A vida en chanclas é a chave para un verán de vida regalada». Símbolo amplamente recoñecido, o sobrio calzado do veraneante condensa poderosos significados. «Para min, logo do mes e medio que pasei en Brasil sen calzar outra cousa, as chanclas significan a despreocupación, ese ideal de non ter que pensar nin sequera no que vas poñer de roupa».

O segredo é dar pedais

O segundo compañeiro indispensable do verán blanquiano é a bicicleta. «Para min a Arousa é a bici, esquecer o coche, poñerme a pedalear e aló onde ela me leve darme un baño». Este criterio ciclista lembra ao dos vellos cabaleiros que, non tendo moi claro por onde tirar nunha encrucillada, deixaban que fose a besta a que decidise. Tamén é o que explica que Carlos non conceda unha praia determinada como favorita de seu. Como «por sorte a conectividade telefónica é mala», nin sequera o móbil é quen de inquedar ao cómico en desconexión, que acerta a despedirse mentres volve ao mar coa súa bicicleta á vista. E un pensa: «carallo, tamén eu quería unhas chanclas desas».

carlos blanco cómico

O verán de Carlos na Illa resúmese en dous elementos. A bicicleta, vehículo que fai esquecer o automóbil ademais de ser, co seu pedalear azaroso e demorado, o que decide o lugar do primeiro baño da mañá. E as chanclas, símbolo de despreocupación nirvaniana, sumadas a unha camisola (se é de «iLalelo» moito mellor), un pantalón curto e uns lentes de sol.

mi playa

tiempo de verano