Que a medalla a leve o pobo

Antonio Rosendo y César Justo

FIRMAS

Ows médicos que levamos tempo traballando na sanidade coñecemos ben a necesidade de aumentar os recursos nesta área sanitaria. Periodicamente, en determinadas épocas, aumentan os ingresos en urxencias, os pacientes acumúlanse en camillas e o noso Chuvi sae nos diarios polas queixas xustificadas dos usuarios pasando penalidades. Ademais, a escasez de quirófanos obríganos a ter pacientes en espera, en moitas ocasións pasando dor, unha situación descorazonadora para nós, que non temos solucións para unha lista de espera cada vez máis grande.

As distintas administracións ao longo dos anos tiveron coñecemento destes problemas e algunhas trataron de solucionalos. Incluso coa administración anterioro, os médicos dos dous hospitais (Xeral e Meixoeiro) traballaron moito para cuantificar as necesidades e os medios que deberían ter os servizos nun hospital novo. Fixéronse algunhas presentacións de bocetos e maquetas, con promesas dunha inmediatez na construción, cando aínda non había nin terreo nin obra. No último ano, o novo presidente da Xunta fixo outra presentación, pero esta vez xa con obras.

Non podemos nin debemos opinar sobre o sistema de financiamento, que tanto debate xerou na opinión pública, pero é inevitable facerse ilusións e pensar que os problemas que temos no noso traballo diario terán, por fin, solución, a medida que o novo edificio medra e comprobamos que é unha realidade. Porén, lemos na prensa que o Concello de Vigo non urbanizará a zona do novo hospital: non lle dará auga, luz, saneamentos, vías públicas... Unha vez máis aparecen problemas que fan que o hospital que todos necesitamos se retrase.

O certo é que un pregúntase cando se porán en dacordo os políticos polo ben común, deixando de lado os intereses particulares, os intereses de partido, que non importe quen leve a medalla. Que o premio o leve a poboación.