«O libro serve para homenaxear ó movemento obreiro organizado»

Pillado presenta hoxe en San Cibrao a primeira parte das súas memorias


cervo / la voz

O salón de actos da Casa do Mar de San Cibrao acollerá hoxe (19 horas) a presentación do libro O latexo da vida e da conciencia, o primeiro tomo das memorias escritas polo histórico sindicalista Rafael Pillado Lista (San Cibrao, 1942) e con prólogo de Manuel Rivas e Santiago Carrillo. A Asociación Cultural Fuco Buxán editou mil exemplares do libro en galego e 500 en castelán para conmemorar o 40º aniversario dos sucesos do 10 de marzo do 1972. Pillado, que marchou de San Cibrao aos dous anos -toda a súa familia paterna era desta localidade- estará acompañado por José Torregrosa e Antonio Pillado.

-Vostede foi protagonista en primeira persoa dos incidentes rexistrados en Ferrol cando se negociaba o convenio colectivo do asteleiro de Bazán...

-Daquela producíronse despidos e houbo resposta dos traballadores; interveu a policía e matou a dous compañeiros nosos. A partir de aí entramos na cadea máis de 100 persoas e todo conclue tres anos despois cun xuizo coñecido como o «xuízo dos 23» nun intento de reprimir aos traballadores cando defendían o seu. Coa referencia de marzo do 72 nace o Día da clase obreira galega para lembrar aqueles acontecementos. Para min, que vivín aquilo en primeirísimo plano, escribir as miñas memorias era unha forma de colaborar na recuperación desa memoria e tamén como homenaxe aos compañeiros mortos nesas datas e en datas posteriores como consecuencia de enfermidades profesionais. O libro serve para homenaxear ao movemento obreiro organizado ao longo da historia.

-¿Para cando o segundo tomo das memorias?

-Haberá segundo, pero neste libro relato cómo vivín varios acontecementos ata o 76. Hai uns antecedentes da miña vida persoal que se centran na persecución da miña familia. Fomos vivir a Ferrol porque meu pai estaba preso no castelo de San Felipe. A partir de aí transcurre o fundamental da miña vida.

-¿Onde máis presentará o libro?

-Proximamente en Valladolid, Ponferrada, Xixón, A Coruña... Estamos moi satisfeitos coa gran acollida do libro escrito en galego, tamén como unha homenaxe á nosa língua.

rafael pillado histórico sindicalista e autor de «o latexo da vida e da conciencia»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

«O libro serve para homenaxear ó movemento obreiro organizado»