A directora da escola do CHUS súmase hoxe á Encomenda do Cocido
12 feb 2012 . Actualizado a las 07:00 h.Pola súa escola pasaron e pasan a cotío un bo puñado de cativos que padecen patoloxías complicadas. Moitos deles son da comarca dezá, unha terra que a directora da Escola Infantil «Camilo José Cela» do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, sente profundamente. Non deixa de salientar que «Lalín é o meu segundo pobo». Profesora en Educación Especial e orientadora familiar, diplomada en braille, Ruth Gómez leva 38 anos ao fronte da escola do CHUS e ten no seu haber a Medalla Galicia 1995, Medalla de Prata de Sanidade e é Premio Nacional da Once á Integración do ano 2000.
-Parabéns. ¿Que significa esta capa, o pertencer á Encomenda do Cocido a partires de hoxe?
-A verdade é que me sinto querida. Son unha persoas moi emocional e gústame que me digan que me queren... A capa é un agasallo dun pobo que a través da mesma me transmite ese cariño. Logo, cando olle esta capa verei nela aos meus nenos, os que están e os que xa non están aquí. Seguro que no momento en que ma poñan pingarei un chisco pola emoción. Certo que con capa ou sin ela é moi difícil que lle queira máis a Lalín do que lle quero.
-A escola leva 38 anos funcionando e os comezos non foron doados, ¿non?
-Non. Foi unha escola parida con dor sin anestesia nin epidural. A escola existe grazas a un home magnífico, o catedrático de Pediatría José María Peña Guitián, que loitou moito para que se puxera en marcha. Loitou mesmo co propio ministro de Educación, xa que non había consellería de Educación en Galicia, pero el estivera en Estados Unidos e alí veu escolas infantís en pleno funcionamento nos hospitais e non cesou no seu empeño ata que se fundou esta. Por aquel entón estaba eu por aquí e continúo... Os comezos foron difíciles pero hoxe, afortunadamente, temos de todo na escola. A verdade é que non nos falta de nada.
-¿Non lles falta de nada grazas ás axudas institucionais ou particulares?
-Á escola non lle falta de nada xa que hai xente moi boa que fan aportacións caladamente e sin ostentación. Son moitas, moitísimas as xentes de Lalín que nos fan doazóns. Non te podes imaxinar cantas colaboran con nós. Contamos mesmo cun piso no que se poden quedar os pais de nenos oncolóxicos. É un piso que está preto do hospital e ao que se lle está dando bastante uso. Alí poden os papás descansar un pouco xa que en oncoloxía os tratamentos son longos.
-¿Disminuiron os casos de cancro infantil?
-Continúa habendo casos de cancro pero hoxendía nun porcentaxe alta os nenos xa non morren de cancro. Eu aínda me lembro perfectamente do primeiro neno que me morreu. Era de Rodeiro. Tamén lembro que fun a dous enterros de dous cativos que vivían nun mesmo edificio. Por aquel entón había moitos nenos da comarca no servizo de oncoloxía e mesmo lle comentei ao finado Xosé Cuíña, un gran home, a posibilidade de que se becaran a médicos ou farmacéuticos para que fixesen un estudo sobre o tema. Non sei se se chegou a facer.
ruth gómez vázquez comendadora
«Moitos lalinenses fan aportacións caladas para axudar á escola»