A despoboación nas aldeas


Estas datas do entroido para min son moi significativas. Non hai aínda 30 anos (na década dos oitenta) eramos máis de 30 persoas vestidas de entroido. E faciamos falta todos, porque o público tamén era moi numeroso. Disfrazabámonos todos os veciños que pasabamos de tres anos. O ano pasado disfrazámonos dez e algúns eran doutras aldeas.

Naqueles anos a paisaxe era unha paisaxe humanizada. Os terreos estaban traballados e habitados, o mesmo que os camiños, que era imposible non atoparse con alguén a nada que te moveras. Hoxe temos falta de verde humano polo abandono dos cultivos e é posible percorrer toda a aldea sen cruzarte con ninguén. As fincas que se salvaron de soportar unha construción collen vida propia, vólvense montaraces e a única maneira que parece que temos de atendelas é a través da delincuencia: prendémoslle lume no verán.

Morremos máis dos que nacemos e marchamos máis dos que quedamos. Isto converte a miña aldea en altamente vulnerable a todo tipo de ataques; incluídos, por suposto, os políticos e os especulativos. Se non fose así non estariamos agora convivindo con esqueletos de edificios abandonados a xeito de fantasmas e con unha actividade cultural desestruturada.

Os emigrados que volven por temporadas e os particulares que veñen de fóra e compran unha casa someten a miña aldea a reformas. Afortunadamente, parece que hai un esforzo por respectar a estética, aínda que soen pecar de «grandistas». Isto a min paréceme un mal menor ou unha evolución natural para os tempos de hoxe. Aínda que, desafortunadamente, nunca falta o desaprensivo que levanta catro paredes de bloque gris e fai un pendello de dúas plantas.

Na miña aldea ninguén falaba outro idioma que non fose o galego, salvando a estrada xeral, claro, onde podía parar calquera coche. Hoxe en calquera corredoira podes oír calquera idioma. Os fillos dos meus amigos que acocen para pasar uns meses xa non veñen falando galego. Pido perdón pola debilidade que vou expresar: cada vez que escoito a alguén que aprendeu a falar galego na miña aldea é un regalo para os meus oídos. Un regalo con data de caducidade.

Unha aldea abandonada é unha desgraza con encanto, unha testemuña que nos refresca a memoria do pasado e que favorece un discurso fecundo e identitario; unha aldea habitada sen sensibilidade nin criterio é unha desgraza que desvirtúa e eclipsa a propia identidade. Este ano 2012 iremos de entroido mancomunados con outras aldeas do mesmo concello, nunha loita real e simbólica contra o abandono, en todos os sentidos que a palabra suxire.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

A despoboación nas aldeas