Fuente Parga non é partidario da fusión de municipios, pero ten claro que, dada a precaria situación financeira actual dos entes locais, se os concellos mariñáns non son capaces de mancomunar servizos «terá que ser de forma obrigatoria con fusións».
-A Mancomunidade leva anos adormecida. Hai concellos que non pagan as cotas. ¿Como pensan revitalizala?
-Débese manter a unión de todos os concellos e hai que pagar as cotas (hai servizos, por exemplo no eido turístico, que temos que costear con fondos de todos, porque nos interesan a todos, e non cargarllos ao concello no que se localizan), asumilas e despois sacarlles rendemento. Débese asistir ás xuntas directivas e aos plenos da Mancomunidade e alí expoñer cada uno os seus plantexamentos. Imos representando a cada concello e buscando o mellor para os veciños, deixando fóra a camiseta do partido político. De cuestións políticas xa discutimos nos plenos, non na Mancomunidade.
-¿Teñen previsto empezar a mancomunar servizos?
-Estamos co tema pendente. Xa tiven unha reunión coa Dirección Xeral de Administración Local. Ten que ser así, eu non son partidario das fusións, pero se non somos capaces de mancomunar servizos, tería que ser de forma obrigatoria, con fusións. Polo menos hai que intentalo. Xa se está traballando en mancomunar o servizo de recollida de lixo de cinco concellos. Trátase de que nunha zona tres ou catro ou cinco concellos falen e despois faise unha encomenda de xestión á Mancomunidade para que saque a concurso determinado servizo.