Con Isaac, nos Pagos da Magdalena

U nha tardiña lenta de maio, haberá desto catro anos, visitei a Isaac Díaz Pardo no seu reduto do IGI, en San Marcos. Agustín Sixto Seco, bo amigo seu, chamáballe «o eremita do Monte do Gozo». Eu estivera alí moitas veces, tamén no Castro, en Sada, e en Sargadelos -lembro a Isaac entoando, a dúo con Enrique Líster, La joven guardia, tradución de Le chant des jeunes gardes- famosa canción revolucionaria, himno da JSU, organización á que Isaac pertencera sendo mociño, na Compostela anterior ao 36-, pero a pesar da extrema cordialidade do grande artista, un dos homes máis modestos que coñecín, nunca tiveramos ocasión -por falta de vagar- para un man a man a fondo. Aquel serán de 2007, cando lle fun anunciar a concesión do Premio Voz de liberdade do Pen, ex aequo con Francisco Fernández del Riego, Isaac estaba só no enorme edificio que concebira e deseñara, exemplo de funcional racionalidade, e, cousa rara, non tiña présa. Sentámonos preto do sitio onde el habitualmente traballaba e puxémonos de parola. Así de primeiras, espeteille que entre os meus tesouros estaba un libro seu, dúas pezas de teatro, Midias e O ángulo de pedra, publicado a finais dos 50, en Bos Aires, pola Editorial Citania. El quitoulle importancia, como facía sempre que lle gababan a obra propia, pero, a medida que avanzaba a conversa, puiden comprobar que, a parte de ser un magnífico coñecedor da dramaturxia moderna, a súa arte estaba fortemente impregnada de teatralidade: o real e o mítico, personaxes simbólicos da soedade e da angustia, pero con enormes ollos de esperanza, o absurdo e o lóxico, o compromiso e a liberdade sen lindeiros? En fin, o complexo mundo dun anarco-conservador con Galicia sempre no corazón. Aproveitei, tamén, para preguntarlle polas súas viaxes, numerosísimas, á Arxentina. Un período que me interesaba por razóns obvias. Contoume, sobre todo, a súa experiencia nos Pagos de Magadalena, localidade da provincia de Bos Aires, onde, nos anos 60, impulsara e dirixira unha fábrica de porcelana. A aguda percepción de Díaz Pardo, a súa sensibilidade exquisita e a súa forza de vontade -era un espírito indomable-, foron, xunto coa ilusión, as mellores ferramentas para atreverse, naquela altura, cunha empresa social e cultural interesantísima. Hoxe, cando me comunicaron cedo o seu pasamento, foime imposible apartar o rostro miúdo de Isaac -os seus ollos vivísimos, o sorriso cómplice-, dun fondo verde ocre. Era a paisaxe da Pampa, pletórica de luz, os aromos e os salgueiros salferindo a chaira inmensa, facéndoa menos monótona e, no medio e medio, un longo camiño. A senda lonxíncua pola que un home de acabalo ía perdéndose cara ao horizonte, afundíndose no río de augas avoltas, lamacentas?

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos

Con Isaac, nos Pagos da Magdalena