San Sadurniño convida a descubrir a riqueza xeolóxica de Naraío este sábado

LA VOZ SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

CÉSAR GALDO

O xeólogo Francisco Canosa guiará a ruta que programa o Concello e o domingo entregaranse os premios do certame San Sadurniño en Flor

01 jul 2021 . Actualizado a las 22:58 h.

A fin de semana de Santa Isabel rematará con dúas citas moi interesantes en San Sadurniño. Para o sábado, o Concello convida a descubrir a riqueza xeolóxica da parroquia de Naraío, a través dunha ruta guiada polo xeólogo Francisco Canosa. O experto acompañará aos participantes pola formación das pías e dos bolos graníticos, con dúas paradas, unha ao pé do castelo medieval, e outra na parte máis elevada do Forgoselo, «que marca o límite sur do ámbito do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal», como recordan desde o Concello.

A expedición terá lugar entre as dez da mañá e as dúas da tarde. Hai vinte prazas para sumarse a este itinerario, que comezará na zona da fortaleza e de Riolimpo. As inscricións son gratuítas (na páxina web municipal pódese atopar o formulario que hai que cubrir). Esta actividade forma parte do plan de accións divulgativas posto en marcha polos concellos que forman parte do proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. En total, haberá máis de oitenta xeorrutas repartidas por todo o territorio que abarca, nos municipios de San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Cedeira, Valdoviño, Cariño e Ortigueira.

E para o domingo queda a entrega dos premios do certame San Sadurniño en Flor, organizado desde as áreas de Desenvolvemento Local e Cultura, «para promover o engalanamento do territorio durante esta primavera e comezo do verán». O fallo do xurado deuse a coñecer o mércores, e tamén se publicou na rede social Facebook a galería fotográfica con todas as imaxes participantes en cada unha das catro categorías convocadas: composicións florais de exterior, decoración de xanelas e balcóns, establecementos comerciais e hostaleiros e os xardíns máis vistosos como resultado de anos de coidado. Vanse repartir 35 galardóns.