Couzadoiro vivirá este sábado as olimpíadas rurais, cunha versión para os máis pequenos
ORTIGUEIRA
Música, xogos e gastronomía compoñen a oferta, xunto cun entorno natural único
12 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Couzadoiro é a parroquia máis olímpica de Ortigueira. As Olimpíadas Rurais volverán o sábado, e xa van once edicións, desde as 12, con misa e ofrenda floral á Virxe do Loreto; música entre as maceiras, con Os Cantaberneiros (13), xantar (14, coas reservas xa pechadas) e xogos olímpicos (16.30).
Competirán os adultos e tamén os pequenos. Haberá recollida de carozas, carreira de carretilla por parellas, lanzamento de paxe, subida ao eucalipto, refegamento de millo, corte con tronzador, tiro da corda por equipos e carreira de sacos familiar.
A entrega de premios será ás 20; a cea, ás 21.30 (callos e empanada vexetal); e logo soará a música baixo as estrelas: Catro nun Zoco, Mini, Iria, Navia Rivas e Mariña Quintillán, Diego de Braelle e a Banda Quique Otero.