O escritor e xornalista Ramón Loureiro disertou sobre o autor mindoniense nos actos organizados pola Asociación Cultural Terras do Ortegal
20 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación Cultural Terras do Ortegal rendeulle homenaxe a Álvaro Cunqueiro (1911-1981), cando se cumpren 85 anos da chegada do escritor mindoniense á vila de Ortigueira e 40 do seu falecemento. O escritor e xornalista de La Voz Ramón Loureiro, premio Julio Camba e bo coñecedor do universo cunqueiriano, interveu no Teatro de Beneficencia, o sábado pola mañá. Alí referiuse ao autor de Merlín e familia como «unha das figuras centrais da literatura do século XX».
Loureiro, que conmemora neste 2021 os seus 25 anos como narrador en torno á Terra de Escandoi, incidiu en que «Ortigueira, que é unha literatura en si mesma, unha vila marabillosa, ten un lugar de honor na xeografía cunqueiriana». E subliñou que o escritor mindoniense «fixo de Galicia un país infinitamente máis grande nos corazóns que nos mapas». O propio Loureiro, que agradeceu «o esforzo» realizado por Terras do Ortegal, foi quen descubriu a placa que o colectivo colocou na praza das Tres Farolas, no edificio onde residiu o creador de Escola de menciñeiros. A peza foi deseñada polos alumnos do ciclo de Carpintería e Moble do IES de Ortigueira.