Pesar en Ortigueira pola morte de Narciso Luaces, fundador do Museo Etnográfico de Meixido e autor de varios libros

Naceu na parroquia de Freires en 1929 e faleceu en Viveiro, onde vivía desde hai varios anos

Narciso, sentado no banco da lareira que forma parte do Museo Etnográfico de Meixido, no ano 2012
Narciso, sentado no banco da lareira que forma parte do Museo Etnográfico de Meixido, no ano 2012

ORTIGUEIRA

Narciso Luaces Pardo (Ortigueira, 1929-Viveiro, 2020) era un conversador ameno e ocorrente, a quen de rapaz lle gustaba moito escoitar aos vellos. «O humor é parte da vida, hai que tomala con filosofía», comentaba nunha entrevista cando o Concello lle dedicou o Ciclo Ortigueira Literaria Dixital, en 2015. Naceu na aldea de Meixido, na parroquia de Freires —«pasouse moitísima fame, agás de pan, leite e caldo»— e sempre estivo ligado á actividade cultural da comarca. «Levo toda a vida coleccionando», contaba, satisfeito de ter logrado reunir máis de tres mil pezas, a maioría doadas, e fundar, coa súa muller, Herminia Cobelo, que faleceu en 2013, o Museo Etnográfico de Meixido.

O 11 de agosto de 1999 inaugurárono e por alí levan pasado centos de persoas. Narciso guiaba aos visitantes polas salas, ateigadas de apeiros de labranza, ferramentas, unha recreación das antigas escolas ou da lareira. E o seu relato enriquecía o recorrido. Ata que perdeu á súa muller e acabou índose para Viveiro, onde vive o seu fillo (os últimos anos, na residencia Betania). Durante un tempo acudía a Meixido se alguén o chamaba, pero despois decidiu pechalo. O Concello (nin outra administración) non parece disposto a manter o singular e valioso legado de Narciso, nin foi quen de publicar a guía do museo que escribiu hai tempo, «para axudar á xente a comprender» as características, o uso e a orixe de cada unha das pezas. E con elas, da historia de todos.

Para este home de aspecto fráxil, que traballou no campo ata a xubilación —«era todo duro, tal vez o que máis, cavar a roza ou sacar o esterco da corte; pero traballábase en comunidade, e esa vida en común nunca se recuperará»—, a escritura «era unha necesidade». En 2013 publicou Traballo, oficios e crenzas dos nosos antergos. Partía de vivencias persoais. «Pero pensei ‘a quen lle vai interesar a vida dun labrego?', non quería facer unha autobiografía. Conto como era a casa antiga, os traballos diarios, ata 69 oficios distintos....».

Carreiro. Memoria do Tío Santos e Romaxe a Santo André de Teixido son outras obras deste «fillo de mestre de ferrado» que aplicou rigorosamente ata o último día un vello proverbio chino: «O día que deixe de aprender, deixa de vivir». Desde esta tarde será velado no tanatorio de Ortigueira e mañá será enterrado.

Xosé María Torres, presidente da Asociación Cultural Terras do Ortegal, e Obdulia Dopico, escritora, que compartiu con Narciso Luaces a aventura de fundar Edicións Paporroibo, expresaron o seu pesar polo falecemento dun home «moi querido e respectado».

Conoce nuestra newsletter con toda la actualidad de Ferrol

Hemos creado para ti una selección de noticias de la ciudad y su área metropolitana para que las recibas en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Pesar en Ortigueira pola morte de Narciso Luaces, fundador do Museo Etnográfico de Meixido e autor de varios libros