A asamblea pedida polo 20 % dos socios de número para destituír a Lorenzo será o 18
15 feb 2017 . Actualizado a las 11:32 h.María Isabel Lorenzo (Loiba-Ortigueira, 1965) preside a Asociación Pro-Minusválidos do Ortegal (Aspromor) desde xuño de 2016, a proposta do dimisionario Fernando Nieto, fundador e presidente durante tres décadas. Xa entrara na directiva en 2011 e desde 2013 era a secretaria.
-En xuño entrou con gañas, pero logo xurdiron diferenzas.
-Queres saber onde te estás metendo, se a institución é viable, colles a documentación e vaste fóra de Ortigueira, a unha persoa imparcial [o catedrático da Universidade de Santiago César García Novoa], para que a analice.
-E aí atópase cunha situación máis difícil do que contaba.
-Aí vexo un engano, Fernando dicía ‘ahora ya me puedo ir porque todo va bien’, e era mentira. Despois empezas a desconfiar, ves que deixa unha persoa manexable [a xerente] que actúe cos ditames del, hai que pechar as fregonas e PRS, porque non dan. E os traballadores din ‘¿cérrase todo e que alternativa hai para substituír iso, que algo vai dando?’. Trasládollo á xerente e dime que lle dá a impresión de que a estamos botando... Unha xerente non pode ir por un lado sen coordinarse co resto do persoal. Presenta a dimisión e acéptoa. A raíz diso Fernando convoca aos antigos asesores de Madrid, aparte da directiva, a unha reunión informal, porque non está de acordo, e eu non me presento (...). Aí une a todos os membros da directiva para que fagan o posible para que isto non se poda gobernar. Convoco reunión o 23 de setembro e preséntolles o informe de Novoa. Piden outra e convócoa o 23 de decembro. Vén a notaria, aí preténdese remodelar a directiva, cousa que non compete á xunta senón á asemblea. Si é obrigatorio nomear un secretario [era o seu home, que faleceu o 25 de outubro] provisional, pero para iso parece que dá igual saltarse os estatutos...
-Fala dunha xerente manexable.
-Tiña todos os poderes, refrendáramolo na directiva. Vense manobras por detrás, hai que ser honestos e se hai desacordo, falalo, pero non estar ‘díxome, díxome’.
-¿Quen son ‘os de Madrid’?
-Os asesores que trouxo [Fernando], supostamente para darlle viabilidade a Aspromor; pero desde que entran non cambia nada, séguense acumulando as débedas. Nin se paga ao taller, nin ao panadeiro, nin á asesoría... ¿Non era iso motivo de alarma? Pois non, tirar adiante...
-Estando xa na directiva, ¿como é que non sabía o que pasaba?
-A ignorancia da lei non exime do delito, asumo a responsabilidade, co resto da xunta directiva, cada un no seu grao. Non observei como o tiña que facer.
-¿Por que?
-Por confianza. Pérdoa ao empezar a descubrir a verdade, unha mala xestión, investir sen respaldo económico, a base de créditos, deixando de pagar aos provedores. A prestación que dará a residencia poderíase dar con dous pisos tutelados (xa había un).
-Pero a residencia constrúese con axudas públicas.
-Pero parte telo que adiantar...
-O resto da directiva di que en xuño se debía só media nómina.
-Si, pero hai unha auditoría de 2015, feita por encargo dos asesores deles que contradí todo iso que din de que había liquidez.
-Recoñecen problemas, pero din que estaba encarrilado.
-Suman subvencións pendentes de cobro, pero xa gastadas... É unha trampa, hai que ser honesto e dicir ‘temos este problema’.
-Recordan que avalaron co seu patrimonio algúns dos préstamos.
-Si, eu tamén e dous irmáns. Uns avalamos e outros puxeron cartos. Din que as contas auditadas son mentira, ¿entón mentiron os asesores? Din que eses cartos que puxemos non contan como débeda, pero aínda así quedan 300.000 euros e moito (dos 495.000). ¿Entón non queren cobrar? Si, pois é débeda real.
-Acusárona de desautorizar á xerente e de falta de diálogo.
-Á xerente podía despedila, está nos estatutos, pero foi unha dimisión. Informouse nas xuntas, o 23 de setembro presentouse un informe que non rebateron.
-O 20 % dos socios de número pediron unha asemblea para destituíla e os traballadores, que a apoian, convocaron unha reunión coas familias dos usuarios.
-A asemblea será o 18. Tamén sinto o respaldo dos veciños (...). Nesa reunión perdemos algo as formas polo cabreo, porque toda a enerxía que estamos empregando en pelexarnos, se a empregásemos en sacar á institución da débeda, sería moito máis positivo. Reprocháronselles as formas con algunha familia para firmar esa convocatoria de asemblea.
-E Aspromor segue funcionando.
-Porque ningún dos acredores pide o concurso, porque teñen unha ética, porque é unha entidade de interese social.
-Se non acadan a maioría suficiente para destituíla, ¿seguirá?
-Si, pero se a directiva permite o goberno; se non, teño que pensar nunha asemblea xeral extraordinaria e que haxa unha directiva capaz de gobernar con fluidez.
-¿Nunca pensou en tirar a toalla?
-En ningún momento.
-¿Que a motiva a seguir?
-A miña meta é salvar Aspromor, é un reto, non por orgullo, pero non vou morrer sen pelexar. Eses rapaces, entre eles meu irmán, están contentos, teñen unha actividade, unha motivación, se se van fóra están desarraigados.