A Escola de Ortigueira

Xan R. Silvar EN POSITIVO

ORTIGUEIRA

06 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Para unha entidade cívica cumprir corenta anos di moito do empeño dos seus membros para seguir o seu fin social. Resistir o paso do tempo, acadar o relevo de persoas ou ver recoñecido o seu labor non é doado; non chega cos momentos de entusiasmo, cos tempos nos que o vento sopra de popa. Son evocacións náuticas as que acoden primeiro á mente para explicar a xesta da Escola de Gaitas de Ortigueira, «a Escola» como se di na vila, pois unicamente navegando mares de música pódense tocar tantos portos afastados, so tanxendo unha bucina máxica de inspiración e traballo pódese atraer a tantos centos de milleiros de xentes a esa terra mariñá.

Perdida en estradas imposibles a finais dos 70 -que aínda se lle racanean hoxe- foron quen os pioneiros da Escola de asentar un festival e unha peregrinación anual, poñendo a Ortigueira no planisferio da música de raíz. Ao timón estaba Xavier Garrote, continuador de saga de músicos e argalleiro dun proxecto para formar unha banda, co apoio do alumnado da Escola e ás súas familias, levar ao artesán Antón Corral a organizar un singular obradoiro de instrumentos tradicionais, logo continuado na Universidade Popular de Vigo. Promoveuse a escolma e difusión de partituras, en tempos de escaseza de música escrita para gaita e, nesa argallada ben feita, acolléronse as primeiras xuntanzas para formar a Asociación de Gaiteiros Galegos. Parabéns ao concello pola iniciativa de nomear a estrada xeral co nome da Escola de Gaitas de Ortigueira para recoñecer ese labor colectivo que tanto fixo pola Vila, e un desexo: cando vaian por esa estrada, imaxinen medio cento de roncos ben afinadiños.