Lendas e misterio

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

NARÓN

Conteille a meu netiño un conto deses de «vellas». Unha meiga vivía nunha cova da montaña da Aquiana. Tiña o costume de botar a rolos pedras enormes que caían con estrondo nos tellados das casas de San Pedro de Montes. Pasaron por alí os Reis Magos e viron os estragos. Eles subiron á montaña e dixéronlle á meiga que deixara de amolar. «¿Que me dades a cambio? -dixo a meiga. «Un cacho do ouro, un cacho do incenso, un cacho de mirra que levamos» -dixeron os tres Reis.

Ela aceptou o troco e dende aquela nunca máis houbo nin estrondo nin estragos nos tellados das casas. O neto preguntoume se aínda vivía a meiga, e se a cova se pode ver. «Si, pero é unha cova fonda que non ten final -expliqueille como a min me explicaron-. Agora hai unha capela que tapou a boca da cova, por seguridade. E a capela ten unha Virxe».

Pasou tanto tempo deste suceso que cada quen o conta como pode, que non digo que non puido ser que algún dos Reis Magos fose Raíña Maga. E que a meiga fose meigo ou trasno das montañas, unha variedade máis anana do normal, polo frío das alturas. O da Virxe seguro que non cadra outra cousa que Virxe e temos a escultura dela, como demostración, que é cativiña como a da Virxe de Chamorro. Hai que forzar moito a historia para ver trasno onde había meiga e que un Rei Mago se volva Raíña Maga pois a ver cal deles, sen caer no racismo ¿Melchora, Baltasara, Gaspara?

Teñan coidado as novas autoridades porque se hai demo macho logo veñen as «demonias» femias.