«El Triángulo Azul» recorda as vivencias de milleiros de exiliados españois nos campos nazis
16 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.O destino de milleiros de exiliados españois foi ocultado durante a ditadura e silenciado polos primeiros gobernos da democracia, moitos remataron os seus días nos campos de exterminio nazi, por mor dun pacto entre Franco e Hitler, sendo marcados co triángulo azul -sinónimo de apátridas- uns 7000 chegaron a Mauthausen. Existe un gran descoñecemento do tema e unha débeda histórica que se está a pagar cos traballos de investigación reflectidos en documentais e libros, como o do ferrolán Enrique Barrera Galegos en Mauthausen.
«Os españois foron os primeiros en chegar e os últimos en saír do Campo»; chegaron cando era un pequeno presidio de presos comúns, participando na súa construción e organizádonse para darse apoio mutuo e copar os postos de oficios, que melloraban as condicións de vida e os sacaban da canteira onde a morte era segura. Habia perruqueiros, vixiantes, oficinistas e... fotógrafos como Francisco Boix, asignados ao servizo de identificación, encargado de fichar aos presos e de fotografar todo o que no Campo sucedía. Boix revelaba e facía copias para mandar a Berlín, dun xeito silencioso rebelábase, artellando un plan para roubar e sacar ao exterior os negativos que documentaban a barbarie.
Esta historia vertebra a obra El Triángulo Azul, que o pasado sábado presentouse no Pazo da Cultura de Narón, unha produción de Micomicón Teatro e o Centro Dramático Nacional (estatal), escrita por Laila Ripoll, quen tamén a dirixe e Mariano Llorente.
Micomicón e Ripoll teñen amosada a súa sensibilidade coa Memoria Histórica nos seus tres anteriores traballos, tratándoa dende enfoques distintos cuns resultados ben agradecidos polo público e a crítica.
O espectáculo fíase dende o relato do xefe do servizo de identificación -quen está presente en todas as escenas da función a modo de presenza distanciadora dos acontecementos- gravándose nun magnetófono para xustificarse ante os seu fillos anos máis tarde.
A obra de impecable factura, presenta un envolvente espazo sonoro, que nos introduce no sinistro lugar, ladridos de cans, disparos , berros humanos e unha especial recreación do acuoso eco das latrinas. A escenografía suxire elementos fundamentais do Campo, as famosas escaleiras, o aramado e os muros, os que se aproveitan para proxectar as fotos de Boix, que ilustran á perfección as escenas.
A peza preséntase a modo de Cabaré Macabro, onde as escenas teatrais intercálanse con números musicais a ritmo de pasodobres, coplas, chotis e habaneras que mudaron as súas letras orixinais por textos referidos ao arrepiante día a día, cantándolle aos arames electrificados, ás distintas formas de morrer e ata o fume da cheminea do crematorio.
O peso da memoria colectiva fai difícil a gran parte do público deixarse levar polos sketchs humorísticos e incluso rexeitar a participación cando se lle convida a bater palmas; o cal non impediu despedir a función cun prolongado aplauso e con numerosos espectadores postos en pé.