Torrente no cuartelillo

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

FERROL CIUDAD

siro

11 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Camilo era un mozo de 23 anos, grande e bo, veciño e amigo da miña familia materna no concello de Serantes. Tiña voz e acenos efeminados, pero non se lle coñecían experiencias homosexuais. A noite do 8 de agosto de 1920 volvía da verbena da Cabana e atopou a catro coñecidos de Ferrol. Horas despois, miña tía María viuno tirado na ribeira, mazado a golpes, coa boca rachada ata a orella e un cañoto de verza metido polo ano. Morreu cabo dunha semana de horrible agonía. Oínllo contar varias veces á miña tía, que viviu cen anos, e sempre choraba. Quizais naquel relato está a causa da miña aversión aos acosadores e agresores de homosexuais, que seguen a reproducirse en todas as clases e capas sociais.

Debeu de ser no ano 2000 cando o presidente Fraga me sorprendeu cunha confidencia: el sempre vira un vicio na homosexualidade, pero a filla médica —«que é unha santa», subliñou— explicáralle que é biolóxica, e desde entón ollaba con respecto a gays e lesbianas. Pode que outras persoas razoen como Fraga e a homofobia en calquera tempo pasado fose peor, pero os medios de comunicación demostran que segue a ser un problema moi grave; sobre todo na Igrexa, nas forzas armadas e nas de seguridade do Estado. Os máis dos bispos prefiren seguir a San Paulo e San Agustín que ao papa Francisco e pensan que os homosexuais non entrarán no reino dos ceos porque despois da idolatría non hai maior pecado que o da sodomía. Nos cuarteis, os prexuízos contra os homosexuais son os mesmos do mundo occidental, agás Holanda e Dinamarca, que os superaron hai tempo. O primeiro oficial español que fixo pública a súa homosexualidade foi o tenente coronel José María Sánchez Silva, do corpo xurídico do Exército, e o ministro de Defensa, Federico Trillo, cualificou a declaración de «desafortunada». Era o ano 2000 e aquel home non puido aturar o ostracismo ao que foi sometido e deixou o servizo activo. Esta mesma semana o Tribunal Supremo condenou a dez meses de cárcere a catro gardas civís que durante anos humillaron a un compañeiro homosexual no cuartel de Noia, chamándolle «maricón», «maripili», «fresita» e outros alcumes aldraxantes. Costa entender que despois de décadas de labor social para poñer fin á homofobia coincidan nun pequeno cuartel galego catro machos ibéricos ruíns e covardes; versións anovadas de Torrente, El brazo tonto de la ley; pero aí estiveron, chulos e fachendosos, porque a intolerancia é o derradeiro recurso do necio. O peor é ter que velos como autoridades.