«A música tradicional de Galicia está a vivir hoxe unha nova primavera»

Ramón Loureiro Calvo
RAMÓN LOUREIRO FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

CESAR TOIMIL

Gaiteiro e lutier, Marcos García mantén vivo un legado que nace do máis fondo da cultura do país

03 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Na persoa e no labor cotián de Marcos García (Ferrol, 1977) conflúen dúas tradicións galegas moi fermosas. Por unha banda, o legado dos lutieres que fabricaron as mellores gaitas do país, que chega ata el da man de Antón Varela, Tonecho, histórico integrante de formacións musicais como Raparigos e artesán de prestixio internacional. E, por outra, a herdanza dos gaiteiros da Terra (sublíñese a maiúscula da palabra, Terra, con toda a súa carga semántica), que lle deixaron en herdanza tanto o propio Tonecho coma o non menos lembrado Manuel García, Lolete, o pai de Marcos. Como Antón e como Lolete, Marcos non só loita por abrirlle camiños novos á música da gaita coas súas propias creacións. Senón que, ademais, fai todo o que está na súa man para que cantos desexan aprender a tocar ese instrumento, consigan o seu soño de seren gaiteiros. E, ao mesmo tempo, no obradoiro que foi de Tonecho, traballa como lutier para músicos tanto de dentro coma de fóra do país.

-¿Que tal vai o seu taller?

-Pois a verdade é que vai ben. Levo un ano ao fronte del, e o certo é que esperaba uns comezos moito máis difíciles. Non vou dicir que o número de encargos xa sexa inmenso, pero non teño razón ningunha para queixarme.

-O mercado dos instrumentos tradicionais, e particularmente da gaita galega, ¿vai a máis, ou vai a menos?

-O mercado dos instrumentos tradicionais, e en concreto o da gaita, segue a ser aínda moi importante. Con todo, tamén é certo que non ten hoxe o volume de actividade que tivo noutros momentos. Pero a gaita galega, en concreto, segue a ser un instrumento moi demandado.

-Vostede ten tamén unha longa traxectoria como mestre de gaita, continuando coa tradición que herdou do seu pai. ¿Os alumnos van a máis ou van a menos...?

-Pois hai unha evolución curiosa. Hoxe non veñen a aprender a tocar a gaita tantos nenos coma antes, pero en cambio vén máis xente maior.

-E isto, ¿a que obedece?

-Non creo que haxa unha única razón, ademais da demográfica. Moita da xente que empeza a tocar agora a gaita está prexubilada ou xubilada, xa. Ten máis tempo libre, e quere aproveitalo facendo o que non puido facer antes. Pero a min paréceme que o mundo da gaita galega tamén se está empezando a ver como algo propio por sectores da poboación cada día más amplos, que van tomando afecto á música tradicional. Hai cousas que van cambiando, e para ben. Afortunadamente, a música tradicional de Galicia está a vivir hoxe unha nova primavera.

-Como gaiteiro, hai lugares aos que vostede non deixa de ir tocar nunca co seu grupo. Como Chamorro, por exemplo.

-Por suposto. Gústanos tocar en lugares como Chamorro, Esmelle e Santa Mariña. Cando nós, Os Estrobos, tocamos alí, sentimos que estamos na nosa casa.

«O mercado dos instrumentos tradicionais segue a ser aínda moi importante»

«Hoxe non veñen tantos nenos a aprender a tocar a gaita, pero vén máis xente maior»

«Cando tocamos en Chamorro, Esmelle e Santa Mariña, sentimos que estamos na casa»