Detalles

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

Hai uns días, achegueime a un coñecido establecemento hostaleiro local para asistir a un acto. Ao saír, pareime xunto a unha mesa con material sobre a cidade, entre o que se atopaban folletos do Camiño Inglés. A miña sorpresa foi maiúscula cando constatei que tanto no pasaporte do peregrino como na guía a portada ocupábaa a Torre de Hércules. Inocente de min, rapidamente busquei coa mirada os modelos correspondentes ao camiño desde Ferrol, esperando velos entre os que publicitaban A Coruña. Pero nada. O meu gozo nun pozo. Entendo que o feito de que a cidade da que sae o único camiño recoñecido en todos os casos sen excepción polo Cabildo da Catedral para conceder a Compostela non apareza en ningunha foto central no pasaporte do peregrino e fágao unicamente na contraportada da guía non é determinante para o presente e futuro de Ferrol, pero desde logo fraco favor faille a unha localidade que, ademais, non conta con albergue e os seus tramos atópanse nun estado de conservación e mantemento absoluta e necesariamente mellorables. E é que estes detalles de mal gusto saltan á categoría de agravio cando este material ten unha orixe pública como é o da Xunta. Que a administración autonómica ignore a Ferrol no seu material turístico do Camiño Inglés non deixa de ser sintomático e unha proba máis dese papel secundario ou mesmo anecdótico que xoga a cidade. Espero que polo menos o Concello tome cartas no asunto e, unha vez descuberto o pastel, pida a retirada deste material ou, polo menos, a difusión doutro novo onde se faga xustiza e se lle outorgue a Ferrol o papel que lle corresponde.