Hai afección ao remo na ría. De varias das súas enseadas saen os días de adestramento ducias de remeiras e remeiras en embarcacións impulsadas pola forza humana. Algunhas naves son individuais e noutras de feitura tradicional, coma os bateis ou as traiñeiras, ata catorce atletas tratan de coordinar as súas forzas e habelencias para impulsarse cara adiante. San Felipe, A Cabana e Narón son clubs con soleira que manteñen en forma de deporte unha vella tradición vida da pesca.Paseando pola Magdalena ferrolá unha tarde noite de rúas baleiras e baixos desocupados, o barrio transmutóuseme en traiñeira, coa proa lanzal mirando a Ferrol Vello e a popa na Porta Nova. Os bancos da tripulación eran as rúas transversais (entrevin a de Lugo, Rubalcava, a da Terra, Hospital, ao lonxe Arce) onde pousaban as nádegas e os pés. Os remos chegaban do Cantón a Canido, da Costa de Mella a Alta do Porto, coma se a traíña abranguera tanto como as cincocentas brazas de rede que largaba. E a tripulación, ao principio difusa e bretemosa, fóiseme mudando en caras coñecidas, máis nidias canto aumentaba a velocidade da embarcación. Os rostros eran veciños da contorna, atentos e tensos no esforzo de manter o rumbo coa axuda dun patrón, que tamén ía collendo forma coral, con caras e achegas tomando relevos, para non malgastar esforzos. Sen querer o meu paso aquelouse á onda do remo: arriba no esforzo, descenso no descanso, mais o rumbo certo e sen vacilar, e, camiñando, as casas relucían restauradas, o comercio chamaba pola xente, a ledicia ferrolá cubría de novo o luxo de barrio. Remar. Xuntos.